Cultura e Educación dá o paso definitivo para facer realidade o Campus da Auga de Ourense
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu hoxe o paso definitivo para que o proxecto de Campus da Auga de Ourense se converta nunha realidade, tal como se reflicte no convenio de colaboración que esta mesma mañá o conselleiro Xesús Vázquez Abad asinou co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
O departamento educativo da Xunta inviste preto de cinco millóns de euros neste proxecto que, segundo explicou o conselleiro, foi concibido “para reforzar a posición do Campus de Ourense da Universidade de Vigo como centro de referencia na investigación da auga, non só no ámbito galego, senón nacional e internacional”. O Campus da Auga é unha aposta da Universidade de Vigo “para situarse nun primeiro plano internacional co obxectivo de converterse en polo de atracción do contorno, pero tamén o da Xunta –recalcou o conselleiro- para deseñar un novo mapa de campus universitarios que consoliden as capacidades máis salientables da investigación galega”.
Xesús Vázquez Abad subliñou que este acordo define “un novo rumbo para Ourense” que afecta a eidos prioritarios hoxe en día como son “a investigación, a formación, a transferencia e a internacionalización”. Na súa intervención, o conselleiro ratificou que “a meta é que Ourense teña un campus líder en temáticas da auga”. Neste senso defendeu a necesidade de rendibilizar o feito estratéxico de ser a segunda cidade europea en potencial termal, para “especializar o seu campus de xeito que permita transformar a investigación e formación en crecemento económico e emprego no medio prazo”.
Áreas de investigación
Coa sinatura deste convenio ponse fin a unha etapa do camiño iniciado en 2012 e agora dan comezo os traballos preparativos para a construción do edificio que, se ben tamén albergará a sede institucional do Campus da Auga, destinarase primordialmente a usos de investigación, e nel concentraranse os labores de investigación dos diferentes clusters que integran o proxecto Campus da Auga. De feito, tal como explicou o conselleiro, haberá áreas de especialización de alimentación, ambiente e TIC; áreas de xestión do recursos da auga, innovación social e educativa, turismo e patrimonio cultural. Engadiu ademais que está previsto finalizar o proxecto o vindeiro ano e as obras estarán rematadas en 2017.
Características do edificio
O edificio situarase no Campus Sur, nunha parcela entre a piscina e o edificio de Xurídico Empresarial, e contará cunha superficie total de preto de 3.600 metros cadrados que albergarán a sede corporativa, o centro de supercomputación, os laboratorios e o aparcadoiro.
As instalacións estarán dotadas de laboratorios de necesarios e plantas piloto con equipamento específico, e dicir, espazos dedicados a facilitar recursos de investigación, así como doutras áreas con especificacións técnicas máis xenéricas e zonas para reunións e intercambio empresarial.
Deste xeito, Ourense disporá dunha nova infraestrutura científica imprescindible para levar a cabo proxectos de investigación singulares vinculados ao primeiro campus especializado en temáticas da auga, e que contribuirá a fornecer as capacidades de investigación en sectores estratéxicos de I+D.