Cultura e Educación colabora coas administracións públicas para reforzar as bibliotecas e mellorar os seus servizos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe na reunión do Pleno do Consello de Cooperación Bibliotecaria (CCB), un órgano conformado polas administracións con competencia en bibliotecas que ten como obxectivo impulsar a mellora das bibliotecas e dos seus servizos.
As actividades de cooperación bibliotecaria nas distintas administracións, o depósito legal electrónico, o desenvolvemento de indicadores que permitan estudar o impacto socioeconómico das bibliotecas na sociedade, o trámite da Lei da Biblioteca Nacional de España e a remuneración polo préstamo de obras con dereitos de autor foron algúns dos temas que centraron a orde do día da reunión, que tivo lugar na sede do Archivo Real y General de Navarra, en Pamplona.
Préstamo de libros electrónicos
Durante o pleno, presentáronse os resultados dos proxectos do l I Plan Estratéxico do Consello de Cooperación Bibliotecaria 2013-2015, entre os que destaca o servizo de préstamo de libros electrónicos das bibliotecas públicas españolas, denominado eBiblio. Segundo o informe presentado na reunión sobre este servizo, posto en marcha polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte en setembro de 2014, Galicia é a quinta comunidade en número de préstamos e de usuarios activos, que son preto de 1.000. Desde que a comunidade galega se integrou neste servizo, o pasado mes de outubro, ata o 31 de decembro de 2014, realizáronse en Galicia un total de 2.332 préstamos. A cifra de usuarios activos sitúase en 985.
A comunidade galega conta cunha plataforma propia para o préstamo de libros electrónicos nas bibliotecas de xestión autonómica, GaliciaLe, no que se integra eBiblio. Con esta plataforma propia, que constitúe unha das principais novidades nos servizos bibliotecarios galegos, puxéronse ao dispor dos usuarios e das usuarias das bibliotecas de máis de 1.700 títulos en formato electrónico e 11.100 licenzas, entre as que se inclúen as de libro en castelán, adquiridas polo Ministerio, e as de libro en galego, adquiridas pola Consellería de Cultura e Educación.
Catálogo colectivo de bibliotecas públicas
Entre os próximos proxectos que se van abordar en 2015, a Secretaría de Estado de Cultura anunciou a posta en marcha do que será o primeiro catálogo colectivo de bibliotecas públicas de España. Os representantes das distintas administracións tamén puxeron en común as propostas para abordar a remuneración aos autores polo préstamo das súas obras realizados nas bibliotecas, co fin de avanzar nunha estratexia común de acordo co establecido pola lexislación vixente.
O Consello de Cooperación Bibliotecaria
O Consello de Cooperación Bibliotecaria foi constituído en 2008. É a primeira experiencia de cooperación bibliotecaria intersectorial, que reúne nun mesmo órgano todas as administracións con competencia en materia en bibliotecas, co obxectivo de facilitar o diálogo entre os distintos sectores, de favorecer a posta en marcha de iniciativas cooperativas e de impulsar o crecemento e a mellora das bibliotecas e dos servizos.
Forman parte do CCB, entre outros, o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, os gobernos autonómicos, a Federación Española de Municipios y Provincias, a Federación Española de Sociedades de Archivística, Biblioteconomía y Documentación, e a Red de Bibliotecas Universitarias.