Cultura e Educación clausura o 4 de decembro o programa formativo para emprendedores cunha charla sobre novos modelos de traballo

xunta de galiciaA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausura o vindeiro xoves, 4 de decembro, no Centro de Emprendemento do Gaiás o programa formativo ‘Teño unha idea e agora que? Curso práctico para a creación de novas empresas’ no marco da liña de actividades destinadas a apoiar os emprendedores no eido cultural e das industrias creativas.

A clausura do curso correrá a cargo do avogado e Doutor en Filosofía, Javier de la Cueva, un dos principais expertos a nivel estatal en copyleft e defensor do software e hardware libres. Baixo o título ‘Emprender non necesariamente é crear unha SL.: novos modelos de traballo para a innovación social’, a charla abordará outras formas de entender a posta en marcha de proxectos, nun sistema socieconómico cambiante e onde as formas tradicionais de empresa poden xa non ter sentido. Outros valores, outras formas de entender o emprendemento tendo en conta elementos tales como licenzas e contidos libres.

A charla terá lugar ás 11:00 horas e está aberta a todo o público que estea interesado no emprendemento. Para asistir só é preciso inscribirse de balde a través de www.cidadedacultura.gal.

Desde contabilidade a comunicación empresarial

Organizado polo Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia, o curso ‘Teño unha idea e agora que?’ foi impartido por emprendedores instalados no Coworking Gaiás, en función das áreas na que son especialistas. Preséntase, polo tanto, como unha iniciativa conxunta que reflicte o espírito de colaboración e de traballo en rede deste espazo no que están a desenvolver o seu proxecto 32 profesionais.

Vinte e cinco persoas participaron neste programa formativo, cunha clara orientación práctica, aprenderán procedementos e técnicas para a xestión de pequenas e medianas empresas, como a definición dun plan de empresa e modelo de negocio ou conceptos fundamentais de xestión laboral, contabilidade e finanzas.

Por outra banda, os alumnos formáronse en estratexias e habilidades especialmente útiles no eido do emprendemento e na consolidación de pemes durante os seus primeiros anos de vida, como marketing online, coaching, comunicación empresarial ou estratexias para captación e fidelización de clientes.

Un centro dedicado ao emprendemento

Na súa vocación de converterse nun espazo para a cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, a Cidade da Cultura impulsa nun dos seus catro edificios o Centro de Emprendemento, no que se engloba un espazo de coworking, un viveiro de empresas e o espazo de crowdworking Galicia Open Future, en alianza con Telefónica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A previsión é que, a finais deste ano, o Centro de Emprendemento do Gaiás acolla un cento de proxectos, consolidándose como un motor do apoio a innovación empresarial a xeración de novas empresas en Galicia.

También te podría gustar...