Cultura e Educación celebra mañán domingo o primeiro aniversario do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa cun percorrido pola prehistoria

Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra este domingo o primeiro aniversario do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica (PACC), un auténtico referente para o estudo da difusión da cultura castrexa en Galicia situado entre os concellos ourensanos de San Amaro e Punxín. Entre as actividades programadas, dirixidas a todos os públicos e completamente gratuítas, destaca un percorrido pola Prehistoria da man do especialista en arqueoloxía experimental e responsable de actividades das Covas Prehistóricas de Cantabria, José Aurelio García Munúa.

Deste xeito, García Munúa comezará o roteiro ás 11.00 horas cunha exhibición de lume, seguida dunha de caza unha hora despois. Pola tarde será a quenda da pel (ás 16.00 horas) e do obradoiro familiar “O comezo da nosa historia”, onde grandes e pequenos descubrirán e experimentarán en primeira persoa distintas técnicas prehistóricas.

A maiores do percorrido, o PACC presenta tamén unha programación paralela para conmemorar este primeiro ano de vida. Desta forma, varios guías especializados conducirán aos visitantes polo castro de San Cibrao e pola exposición estable do Centro de Interpretación. As visitas ao poboado castrexo serán ás 12.00 e 17.00 horas, mentres que as da mostra están previstas para as 11.00 e 16.30 horas. Como algúns dos actos teñen un aforo limitado, é recomendable realizar unha reserva previa chamando ao 988 267 285 ou mandando un correo a reservas@pacc.es.

Ademais das actividades ligadas directamente aos recursos do Parque Arqueolóxico, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá un concerto ás 13.00 horas para celebrar dito aniversario. Os visitantes que queiran pasar todo o día no recinto terán á súa disposición un menú que inclúe polbo e carne ao caldeiro.

O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa abriu as súas portas ao público o pasado 8 de marzo de 2014, sumándose así á Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico.

También te podría gustar...