Cultura e Educación asina un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e Marina Seoane, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), asinaron hoxe un convenio de colaboración mediante o cal a Consellería concederá un total de 6.000 euros á Asociación para o desenvolvemento de distintas accións culturais.
Concretamente, as actividades financiadas son, por un lado, o III Debate Sobre o Estado da Ilustración, no que os ilustradores poderán reflexionar sobre problemas profesionais actuais a través de relatorios e debates con representantes de sectores relacionados co medio. Tamén se inclúe o proxecto “Novas olladas aos clásicos ilustrados”, formado por un catálogo que pretende abranguer aproximadamente un centenar de ilustracións de diferentes autores e autoras, en homenaxe a obras clásicas da literatura universal.
E por último, o XII Encontro Galego da Ilustración, que se celebrará en Santiago de Compostela e que ten por obxecto traer algúns dos ilustradores de máis renome do panorama internacional á capital galega, así como profesionais doutros sectores afíns, como o editorial ou as das axencias publicitarias.
Todas as actividades previstas teñen como fin beneficiar, de forma directa ou indirecta, aos profesionais da ilustración, ben sexan asociados ou non.
Coa firma deste convenio amplíase a colaboración da Xunta coa AGPI, xa que, cómpre recordar que a principios de ano celebrouse o Día da Ilustración, que ambas entidades conmemoraron coa realización dun faladoiro e con actividades nas distintas bibliotecas das cidades galegas. Ademais, este acordo renova o asinado o ano pasado e que permitiu a celebración do XI Encontro Galego de Ilustración.