“CORRENDO ENTRE VIÑEDOS”, 1ª Carreira Popular na 52ª edición da Feira do Viño do Ribeiro
“CORRENDO ENTRE VIÑEDOS”, 1ª Carreira Popular na 52ª edición da Feira do Viño do Ribeiro
A Feira do Viño do Ribeiro, que este ano alcanza a súa 52ª edición, terá lugar os vindeiros días 1, 2 e 3 de maio de 2015, no recinto da Alameda, en Ribadavia (Ourense), ven de presentar unha das súas principais novidades, no que se refire ao apartado de actividades relacionadas co mundo e a cultura do viño.
A 1ª Carreira Popular Feira do Viño do Ribeiro “Correndo entre viñedos”, levarase a cabo o domingo día 3 de maio, en horario matutino, e foi presentada esta mañá por Marcos Blanco Jorge, Alcalde do Concello de Ribadavia; Miguel Ángel Viso Diéguez, Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro; José Prieto Pérez, Concelleiro de Cultura, Turismo, Educación e Deporte do Concello de Ribadavia; e Eladio Gómez Rosales, Presidente do Club Deportivo Aurum, nun acto no que se indicou o percorrido da mesma, de 9 Km, que discorrerá por unha fermosa mestura de paisaxes con natureza, viñedos, ríos (Avia e Miño) e polo patrimonio histórico e cultural do barrio xudeu de Ribadavia.
O Alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, destacou a importancia desta actividade, dentro do contexto da Feira do Viño do Ribeiro, é o de ligar a vida san, o deporte e un alimento tan interesante e complementario na alimentación e dieta atlántica, como é viño, sempre que sexa consumido con moderación.
Pola súa parte, Miguel Ángel Viso, presidente do CRDO Ribeiro, facía mención na importancia de seguir levando a cabo accións que fomenten, dun xeito san e razoable, o consumo de viño cada vez máis entre a poboación máis nova.
Finalmente, Eladio Gómez, do Club Aurum, sinalaba a oportunidade que se brinda con esta actividade para que toda a familia, dende os máis cativos ata os máis maiores, participe de forma conxunta e podan gozar da Feira do Viño do Ribeiro, posto que haberá diferentes categorías e modalidades (con premios para todas elas) que fará posible a implicación de todo o mundo.