Convocado o premio ‘Xosé Aurelio Carracedo’ 2016 de xornalismo
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada onte no Pazo Provincial aprobou as bases reguladoras da convocatoria do premio de xornalismo «Xosé Aurelio Carracedo», ano 2016. Así o informou onte a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 15 de xaneiro.
Tal e como explicou Montserrat Lama, a este premio poderán optar todos os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos ou audiovisuais. Consistirá nun único premio de 3.000 euros.
Os traballos que participen no concurso terán que estar publicados en medios de comunicación galegos ou deberán referirse a Galicia, entre o día 1 de xaneiro de 2015 e o día 31 de decembro do mesmo ano. Así mesmo, valorarán de xeito positivo a realización e presentación de traballos en lingua galega.
O xurado do premio de xornalismo «Xosé Aurelio Carracedo» estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou pola persoa en quen delegue, e como vogais do xurado estará composto por un representante de cada unha das seguintes entidades: o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Federación de Asociacións de Periodistas, a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, a Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo, e o secretario do xurado que ten voz pero sen voto, será o responsable de comunicación da Deputación de Ourense.
Os interesados en participar terán de prazo ata o día 16 de marzo de 2016 para presentar as súas propostas. Os actos de entrega terán lugar o día 3 de maio, coincidindo co Día internacional da liberdade de prensa.