Convocado o «III Premio Estatuto de Autonomía de Galicia»

0 0 XG 050216

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada onte no Pazo Provincial aprobou as bases reguladoras e convocatoria do III Premio Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar. Así o informou esta mañá a deputada provincial, Ana Villarino, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 5 de febreiro.

En concreto, aprobaron as bases reguladoras do concurso para o concesión do premio nas que se recolle que o lema desta terceira edición é «O Parlamento de Galicia, a nosa casa». Poderán participar neste concurso os estudantes dos niveis educativos de infantil, primaria, educación especial e ensino secundario obrigatorio, de centros de ensino xeral tanto públicos como concertados ou privados, da provincia de Ourense.

O concurso presenta nas súas bases distintas modalidades, por unha banda, a referida aos alumnos de educación infantil e primaria, así como os de educación especial, presentarán un debuxo ou traballo artístico que deberá facer referencia ao lema do concurso. Deberán presentalo nun folio ou cartolina en branco en tamaño A4, non terá relevos e a técnica a empregar será libre. E, por outra banda, a modalidade de alumnos de ensino secundario obrigatorio na que deberán presentar unha redacción sobre o Estatuto de Autonomía, cunha extensión mínima de sete folios e máxima de doce, escrita en galego, por unha soa cara a dobre espazo.

Os interesados en participar teñen de praza para presentar o seu traballo ata o día 18 de marzo de 2016.

Os premios outorgados no concurso son na modalidade de debuxo, os tres mellores debuxos, de cada un dos niveis educativos, serán premiados cun diploma, unha colección de libros e material audiovisual. E, na modalidade de Educación Secundaria Obrigatoria, premiaranse un total de 3 alumnos cun diploma, unha colección de libros e material audiovisual. Os premios serán entregados o día 6 de abril para conmemorar o día do Estatuto de Autonomía.

O xurado responsable de cualificar os traballos presentados estará integrado polo presidente da Deputación de Ourense como presidente, o deputado de Cultura como vicepresidente, e un deputado de cada un dos grupos políticos con representación na Deputación, como vogais, que serán tres en total. A Secretaria do Xurado será a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación.

Asemade, aprobouse a concesión das bonificacións nos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas no Pazo dos Deportes «Paco Paz» nas porcentaxes e nas entidades deportivas que se indican: a delegación ourensá da Federación Galega de Voleibol, 90%; o Club Voleibol Ourense, 60%; a Escola Burgas Ximnasia, 90%; o Club Baloncesto Valenzá, 45%; o Club Burgas Voleibol, 60%; o Club Tenis de Mesa Academia San Mamed Ourense, 75%; o Club Marusia Ximnasia, 90%; a Asociación Aixiña, 90%; a Asociación Renacer, 60%; e as Copas Deputación da tempada 2015-2016, 100%.

Outro dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno foi a lista de adhesións ó Convenio de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos da provincia para a prestación por parte do ente provincial, do servizo de inspección dos tributos municipais para o período 2016-2019, integrada por o Concello de Taboadela e o Concello de Toén, así como a publicación no BOP desta lista de adhesións.

Por último, na reunión fixouse o prezo público do servizo da escola elemental complementaria do Conservatorio de Xinzo de Limia da matrícula por materia en grao elemental por curso en 69,75 euros. Aplicaránselle ao prezo as bonificacións e normas de xestión establecidas para o resto de prezos da escola no acordo da Xunta de Goberno do 6 de novembro de 2015.

También te podría gustar...