Convenios en pro da natalidade
- A Deputación de Ourense asina con ABANCA e co Colexio de Farmacéuticos senllos convenios de apoio á natalidade
- A tarxeta “chegOU” permitirá aos beneficiarios mercar en farmacias e parafarmacias ourensás produtos hixiénicos, alimentarios e de saúde para os bebés
- A medida forma parte do “1º Plan de Natalidade” que desenvolve o goberno provincial, promovido polo presidente Manuel Baltar, quen considera “unha prioridade na acción política levar a cabo iniciativas en favor do desenvolvemento demográfico da provincia de Ourense”
- A Deputación destina para este programa un importe mínimo de 800.000 euros, sendo os beneficiarios os proxenitores ou adoptantes dun bebé nacido en 2016, debendo figurar empadroados nun concello da provincia de Ourense cunha antigüidade de aló menos 2 anos
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe co director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra, e co presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Vicente Jairo, Álvarez Fernández, senllos convenios de colaboración de apoio á natalidade na provincia ourensá. Trátase dun programa no que a Deputación de Ourense inviste un importe mínimo de 800.000 euros para outorgar axudas económicas de 300 € ás familias con fillas e fillas nados na provincia de Ourense ao longo deste ano 2016.
Dita axuda canalizarase por medio da denominada tarxeta “chegOU”, que permitirá ás familias mercar en farmacias e parafarmacias ourensás produtos hixiénicos, alimentarios e de saúde para os bebés. Os beneficiarios sos proxenitores ou adoptantes dun bebé nacido en 2016, debendo figurar empadroados nun concello da provincia de Ourense cunha antigüidade de aló menos 2 anos inmediatamente anterior á data do nacemento do menor que motiva a solicitude.
Esta iniciativa, segundo informou Manuel Baltar no acto de presentación, “forma parte do “1º Plan de Natalidade” que desenvolve o goberno provincial, porque consideramos unha prioridade na acción política levar a cabo programas en favor do desenvolvemento demográfico da provincia de Ourense”. Baltar, impulsor desta política de apoio á natalidade, afirmou que esta é “unha axuda lineal, compatible con outras das mesmas características, é válida para os residentes en calquera dos 92 concellos da provincia de Ourense”, e avanzou que os orzamentos de 2017, que se aprobarán o vindeiro mes de setembro, “seguirán contemplando unha partida presupostaria para este programa de apoio á natalidade”.
Manuel Baltar agradeceu a colaboración tanto de ABANCA como do Colexio de Farmacéuticos de Ourense “para levar a cabo, coa cooperación de todos, esta medida que se pon en marcha por primeira vez na historia da Deputación de Ourense”.
Pola súa banda, Rubén Saavedra dixo que ABANCA realizará a función operativa da tarxeta “chegOU” “para poñer este medio a disposición dos beneficiarios”, e neste sentido, destacou “a experiencia de 15 anos que temos nos medios pre-pago, xestionando na actualidade 1,3 millóns de tarxetas destas características”. Asemade, Saavedra destacou o compromiso de ABANCA con Ourense, “sendo a única entidade que está presente en 44 concellos da provincia, e queremos seguir colaborando no impulso demográfico deste territorio”.
Finalmente, o presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense destacou “a importancia da Deputación de Ourense como administración que vertebra o territorio”, e comparou o traballo e a cooperación do goberno provincial cos 92 concellos ourensáns “da mesma maneira que as oficinas de farmacia están presentes en todos os municipios da provincia, sumando un total de 185, das cales 104 están situadas no rural, ourensán empregando a máis de 500 farmacéuticos”. Vicente Jairo Álvarez amosou a “satisfacción do colectivo farmacéutico por colaborar coa Deputación neste programa de natalidade, co cal temos a vontade de seguir cooperando nos vindeiros anos”.
ABANCA xestionará de modo independente cada tarxeta beneficiaria e realizará nela as cargas que o ente provincial lle indique, e a Deputación de Ourense será titular de todas as tarxetas solicitadas á entidade. O goberno provincial remitirá as tarxetas ás familias así como as instrucións para a súa activación e informará das condicións de uso.
A Deputación de Ourense abrirá nas próximas semanas, unha vez publicada a información no Boletín Oficial da Provincia, esta convocatoria para a concesión das axudas á natalidade. Trala apertura do prazo poderán comezar a tramitarse as axudas ao longo de todo o ano 2016, excepto no caso de que o nacemento do menor teña lugar en decembro de 2016, para o cal, o prazo de solicitude ampliarase ata o 15 de xaneiro de 2017. As solicitudes deberanse presentar telematicamente, a través do enderezo http://natalidade.depourense.es no Rexistro Electrónico Xeral da Deputación de Ourense.
No que atinxe á colaboración entre a Deputación de Ourense e o Colexio de Farmacéuticos, o ente provincial comprométese a poñer a disposición do Colexio a información detallada do contido do programa, establecer liñas de colaboración entre ambas entidades para favorecer a comunicación entre elas, e impulsar proxectos de interese mutuo de carácter socio-familiar. Pola súa banda, o Colexio de Farmacéuticos difundirá o Programa entre os seus colexiados e facilitará aos titulares da tarxeta “chegOU” o seu uso nas oficinas de farmacia da provincia de Ourense.