Convenio para fomentar a accesibilidade no Festival Ribeira Sacra
- COGAMI e I-Radia Crea asinan un convenio de colaboración para fomentar a accesibilidade no Festival Ribeira Sacra
- Levarase a cabo o deseño e desenvolvemento dun “Plan de Accesibilidade” co obxectivo de eliminar barreiras existentes para que persoas con discapacidade e/ou mobilidade reducida poidan acceder e experimentar o Festival en igualdade de oportunidades
Onte levouse a cabo a sinatura do convenio entre a produtora de eventos culturais,
I-Radia Crea e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) para o desenvolvemento dun plan de Accesibilidade deseñado por I-Radia e que se executará durante a celebración do Festival 17 Grados Ribeira Sacra, que terá lugar do 28 ao 31 de xullo en diferentes localizacións dos Concellos de Chantada, Sober e Monforte de Lemos.
O obxectivo principal desta colaboración é crear un festival accesible para todas as persoas, eliminando barreiras existentes para as persoas con discapacidade e/ou mobilidade reducida dentro do evento así como facilitando outras ferramentas dixitais que favorezan a experiencia de usuario na páxina web do festival, entre outras.
En palabras de Carlos Montilla, director de I-Radia Crea e do Festival 17º Ribeira Sacra,
con este convenio buscamos achegar ao festival a novos públicos e servir como exemplo no sector cultural para fomentar a accesibilidade noutros eventos de carácter similar
Álvaro García, coordinador da Área de Accesibilidade de COGAMI insistiu na “necesidade de que se integre unha perspectiva inclusiva conforme a criterios de accesibilidade universal na organización deste tipo de eventos dado que non resta, senón que suma. Todas as persoas teñen que poder acceder en igualdade de condicións ao lecer, dado que non é só un dereito senón tamén un factor de inclusión social”.
Neste convenio tamén se establece que persoal de COGAMI visite o Festival Ribeira Sacra para realizar actuacións de asesoramento técnico e comprobación in situ das instalacións onde se celebra o evento co fin de comprobar as medidas de despregamento mencionadas no Plan de Accesibilidade.
Así mesmo, a organización do Festival pretende fomentar a igualdade de acceso ao emprego a través do Servizo de Intermediación e Orientación Laboral de COGAMI para cubrir distintos postos de traballo que poidan xerarse durante e con ocasión do Festival e, así mesmo, contar coas iniciativas empresariais que integran COGAMI Empresarial e que poidan ser de interese para a execución do evento.
Entre as medidas de accesibilidade a implementar nesta edición do Festival 17º Ribeira Sacra destacan:
- Barra accesible no escenario principal.
- Aseos accesibles.
- Entrada peonil accesible.
- Libre acceso a cans guía ou de asistencia.
- Entrada gratuíta para persoas acompañantes no caso de necesidades de apoio.
- Letras con cancións dos concertos.
- Punto de información e asistencia.
- Mochilas vibratorias en colaboración con ACOPROS.
- Acceso preferente na entrada para persoas con discapacidade e/ou mobilidade reducida.
- Acceso en autobús adaptado a todos os espazos do festival.
- Zonas de estacionamento habilitadas.
- Sinalización accesible.