Convenio en prol de intensificar os labores de control e ordenación da viticultura en Valdeorras
- O Consello Regulador aposta por intensificar os labores de control e ordenación da viticultura en Valdeorras a través dun convenio co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense
- O Pleno do organismo aprobou onte a sinatura dun acordo de colaboración entre ambas as entidades
O Pleno do Consello Regulador da D.O Valdeorras aprobou onte a próxima sinatura dun convenio de colaboración entre este organismo e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense, cuxo obxectivo é intensificar os labores de control e ordenación da viticultura na comarca. Ao abeiro deste convenio, o Consello Regulador poderá contar con personal técnico cualificado procedente deste Colexio para realizar labores puntuais de control de calidade e certificación.
Precisamente, a defensa da calidade do produto amparado é unha das misións fundamentais do Consello Regulador, que debe velar polo cumprimento da normativa que rexe a D.O. no que respecta ao cultivo das variedades autorizadas e preferentes na zona e, tamén, durante o seu proceso de transformación na bodega.
Compromisos
Segundo o texto do convenio autorizado onte e que será asinado proximamente, cunha duración de tres anos, o Consello Regulador comprométese a dar prioridade nas súas contratacións a profesionais adscritos ao Colexio de Enxeñerios Técnicos Agrícolas de Ourense. Pola súa banda, o Colexio asume o compromiso de divulgar entre os seus colexiados as necesidades de traballo que lle sexan transmitidas pola D.O. Valdeorras.