‘Contos en rede’, que pechou con case mil personas, percorreu 30 entidades, entre eles Quiroga e Viana

  • Case mil persoas asistiron á actividade ‘Contos en rede’ programada pola Consellería de Cultura e Educación
  • Entre o 10 de outubro e o 29 de novembro, esta actividade de dinamización lingüística percorreu 30 concellos das catro provincias galegas
  • ‘Contos en Rede’ é unha alternativa oral que pretende resaltar a importancia da transmisión por medio da fala, grazas ás historias e aos contos

image_gallery (4)Este pasado domingo rematou, en Cotobade, a xira ‘Contos en Rede’ do programa ‘FalaRedes’ na súa edición do 2015 que, desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, promoveu a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

‘Contos en Rede’, actividade de dinamización lingüística protagonizada polos contadores Ana Carreira, Inacio Vilariño e Santi Prego, é a terceira das actividades do ‘FalaRedes’ este ano. Comezou a súa andaina o sábado 10 de outubro en Carballedo e recibiu nestes preto de dous meses de xira case mil espectadores. Entre as localidades que presentan uns mellores datos de acollida están: Arzúa, Cabana de Bergantiños, Corcubión, Mondariz e Valga.

Destinada a público de calquera idade, a actividade ‘Contos en Rede’ percorreu un total de 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) ao longo dos meses de outubro e novembro. É este un tempo que se caracterizaba polas xuntanzas a carón do lume para escoitarmos os contos que, de xeración en xeración, veñen transmitíndose en lingua galega. Contos novos e vellos, de intriga ou de humor, a través dos que se pretendeu acadar tres obxectivos fundamentais: incentivar o uso do galego oral como ferramenta de creación artística, incrementar a oferta de actividade cultural en lingua galega e mais espallar o traballo dos artistas que realizan as súas actividades na lingua propia de Galicia.

‘Contos en rede’ peseguiu estes propósitos nestes case dous meses nos seguintes concellos: A Baña, A Cañiza, A Lama, Arzúa, Barro, Boiro, Cabana de Bergantiños, Carballedo, Carral, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Corcubión, Cotobade, Cuntis, Mondariz, Ordes, Outeiro de Rei, Outes, Palas de Rei, Pereiro de Aguiar, Ponte Caldelas, Quiroga, Rois, Salceda de Caselas, San Cristovo de Cea, Val do Dubra, Valga, Viana do Bolo, Vilaboa e Zas.

 

‘FalaRedes 2015’
A cuarta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua galega.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes’ están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas. Nos tres primeiros anos de desenvolvemento do programa foron case 600 as actividades programadas no marco da RDL, todas elas, con grande acollida de participantes.

 

También te podría gustar...