Conta atrás para a 39ª Feira do Viño de Chantada

  • Un total de 14 adegas presentarán os seus viños nunha mostra que retorna con forza tras o parón da pandemia os días 3, 4 e 5 de xuño. A música terá tamén un claro protagonismo na programación desa fin de semana

 

 

Seguindo o proceder habitual, semanas atrás presentábase o cartel do evento, un traballo por encargo do artista local Lomarti que será a imaxe gráfica da 39ª Feira do Viño de Chantada. Moi colorista, e coa silueta de tres botellas en sentido horizontal, tenta representar desta volta máis o mundo dos sentidos que das imaxes e das xentes como noutras ocasións.

A continuación, hai apenas unha semana, o concello presentou o programa oficial de actividades desta edición e deu a coñecer os adegueiros e adegueiras que estarían presentes cos seus respectivos postos, os clásicos stands con forma de cubas de viño. Este ano serán 13 as adegas presentes e a organización permitirá que a apertura dos postos se alongue ata as 2:00 da madrugada.

O evento vitivinícola comezará xa o venres 3 de xuño ás 20:00 h. coa apertura dos postos e música de “Son Outeiro” (tradicional) e Unión Phenosa (Charanga). A partir das 23:00 h. actuará a orquestra Claxxon.

O sábado 4 pasarán polo recinto feiral os gaiteiros Os Barrios e a formación tradicional e de cantos de taberna Searas. Como acontecementos a salientar neste día ao mediodía: a presentación da ‘Agrupación Tradicional da Casa da Música’ e o concerto que ofrecerá a Banda de Música de Chantada.

Pola tarde, os responsables de amenizar o recinto feiral: Chantada a Charanga Mekánica, Os Festicultores Searas. O punto final poñerao a Orquestra Pontevedra.

 

Para o domingo 5 de xuño está programada a primeira hora a Cata Oficial da XXXIX Feira do Viño de Chantada. A continuación Os Barrios, a Charanga NBA e a Banda de Gaitas de Chantada poñerán a música nesta xornada matinal que rematará co pregón de Anxo Angueira ás 13:00 h. e o xantar oficial. Ás 16:00 h. procederase á entrega de premios aos mellores viños deste ano.

O remate musical do día e da feira correrá a cargo das charangas NBA e Louband, e xa pola noite da Orquestra Saudade.

Para facilitar o coidado dos máis pequenos que asistan cos seus pais ao evento, na Casa da Música haberá obradoiros e ocioteca gratuítos para maiores de 3 anos. Os horarios para os días 4 e 5 de xuño: de 12:00 a 14:00 h. pola mañá, e de 16:00 a 20:00 h. pola tarde.

ADEGAS PARTICIPANTES, CATA POPULAR E TÚNEL DO VIÑO

As adegas presentes na cita vinivinícola chantadina son as seguintes: Adega Enonatur Roberto Regal, Adega Lareu Sabatelivs, Adega Vía Romana, Adega Amedo, Adega Condado de Sequeiras, Adega Albarduxe, Adega Cabo do Mundo, Adega Pilares de Belesar, Adega Instinto Romano, Adega Calexotes, Adega Castrofiz, Adega Diego de Lemos, Adega Pincelo e Adega Santa María de Nogueira.

O sábado farase a VI Cata Popular, actividade aberta ao público e de carácter gratuíto. Será na Carpa Principal e en horario de 17:00 a 19:00 h.

Para os profesionais do sector organizarase un Túnel do Viño, actividade que chega á súa 2ª edición e que terá lugar na sala principal do Auditorio Municipal. A entrada custará 10 euros e os horarios de acceso na fin de semana serán os seguintes: de 11:30 a 14:00 h. pola mañá, e de 18:00 a 20:30 h. pola tarde.

 

También te podría gustar...