Constitución do padroado da Fundación Blanco Amor, na Deputación de Ourense

1 2015 MB e Padroado Blanco Amor

 

O padroado da Fundación Eduardo Blanco Amor celebrou hoxe na Deputación de Ourense a súa reunión constitutiva, na que se aprobaron os estatutos da fundación, que recollen as atribucións e obrigas do padroado, o réxime económico da fundación, os aspectos legais e os fins e beneficiarios da mesma.

Os patróns da fundación son: a Deputación de Ourense, representada polo seu presidente, Manuel Baltar, quen exercerá a presidencia do padroado; Eduardo Camilo Bóveda Sebastián e María Concepción Bóveda Gomez, en representación da familia de Eduardo Blanco Amor; a Xunta de Galicia, representada polo titular da consellería con competencias en materia de Cultura, neste caso por Jesús Vázquez; o Concello de Ourense, representado hoxe pola concelleira Ana Garrido; a Real Academia Galega, representada polo seu presidente ou persoa en quen delegue, coa asistencia hoxe do seu presidente, Xesús Alonso Montero; a editorial Galaxia, representada polo seu presidente ou persoa en quen delegue, hoxe representada por Xosé Manuel Soutullo, e o Centro Pen Galicia, representado polo seu presidente, Luís González Tosar.

Manuel Baltar explicou ao remate da reunión que hoxe «cando se cumpren precisamente 50 anos do regreso definitivo de Blanco Amor a Galicia, que foi o 16 de xaneiro de 1965, vimos de constituír o padroado e de aprobar inicialmente os estatutos. Un traballo que a partires de hoxe nos permitirá continuar con esa homenaxe permanente que debemos a un dos persoeiros clave non só da literatura galega senón universal». Baltar salientou que a Deputación de Ourense nos orzamentos de 2015 –aprobados en outubro de 2014- «xa destina unha partida inicial de 30.000 euros para o desenvolvemento de actividades ao redor da figura de Blanco Amor e para a constitución da fundación», e engadiu que a reunión de hoxe «foi de absoluta unanimidade, aceptando integrarse na fundación as administracións presentes, e por suposto, a familia de Blanco Amor, e tamén para a aprobación dos estatutos, e co acordo igualmente unánime de converter este ano 2015 non só de inicio de actividades da fundación senón tamén seguir na procura de transmitir o legado de Blanco Amor e promover e difundir a súa obra».

Os fins da Fundación Blanco Amor, segundo recollen os estatutos son: A conservación e difusión da obra e o legado do escritor Eduardo Blanco Amor; a promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura; o xornalismo, a lingua galega, as artes da imaxe, en especial a fotográfica, e os estudos históricos e políticos; a dinamización e promoción sociocultural da provincia de Ourense, e a potenciación e difusión da cultura e a realidade sociocultural de Ourense, en particular, e Galicia, en xeral; no exterior e a colaboración con entes público-privados de fins semellantes.

Entre as actividades que vai desenvolver a fundación figuran a catalogación, e o desenvolvemento e conservación do arquivo documental e biblioteca, e de toda a información relacionada coa figura de Blanco Amor; a divulgación da súa obra e das obras da súa colección privada e do seu arquivo documental e biblioteca; a formación de artistas e estudosos nos eidos anteriores e calquera outros relacionados cos mesmos; a realización de actividades de fomento nos ámbitos cultural e social no exterior, e a captación dos fondos económicos necesarios para levar a cabo as súas actividades.

También te podría gustar...