Congreso internacional sobre san Martiño de Tours

  • Presentación en Madrid do «Congreso internacional sobre san Martiño de Tours»
  • Manuel Baltar destacou o protagonismo «que a provincia de Ourense ten neste ano Martiñano, xunto a Bos Aires e Tours, os tres lugares onde se celebran congresos para analizar a figura dun dos grandes persoeiros da historia, para o cal contaremos en Ourense con especialistas da mellores universidades do mundo»
  • A Deputación de Ourense e o Bispado organizarán este evento que ten como obxectivo afondar na historia medieval e na evolución do cristianismo da provincia de Ourense e conmemorar os 1.700 anos do nacemento do patrón de Ourense
 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, e cos investigadores medievalistas da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga e Artemio Martínez, presentaron hoxe na capital de España o «Congreso Internacional sobre san Martiño de Tours», un evento que se celebrará en Ourense do 14 ao 18 de novembro coa presenza de especialistas internacionais que analizarán a figura do patrón de Ourense cando se conmemoran os 1.700 anos do seu nacemento.

No acto, o presidente do goberno provincial destacou o protagonismo «que neste ano Martiñano ten a provincia de Ourense, xunto con Bos Aires e a cidade francesa de Tours, os tres lugares onde se celebran congresos para analizar a figura dun dos grandes persoeiros da historia, para o cal contaremos en Ourense con especialistas da mellores universidades do mundo nesta materia que debaterán e achegarán novidades sobre a figura de san Martiño de Tours».

Manuel Baltar agradeceu o traballo de organización e coordinación do congreso que leva a cabo o historiador Jorge López Quiroga, «un medievalista referente en Europa», e tal e como anunciou o Día da Ourensanía de 2015 «xa é unha realidade este evento histórico e cultural que servirá para coñecer aínda máis e poñer en valor a obra e a traxectoria de san Martiño de Tours».

No congreso, organizado pola Deputación de Ourense, recoñecidos especialistas de Estados Unidos Brasil, Gran Bretaña, Francia, Portugal, Austria e España analizarán a figura deste santo e a súa influencia na configuración social, política, relixiosa e territorial da Gallaecia da época sueva. Jorge López Quiroga explicou que o congreso estruturase entorno a tres bloques temáticos: a figura de san Martiño; os procesos de evanxelización e os mecanismos de conversión, e unha posta ao día das distintas sedes episcopais que conforman o actual territorio da Gallaecia. As actividades desenvolveranse no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», no Liceo de Ourense, na Facultade de Historia, e no Pazo de Vilamarín.

O director da Casa de Galicia afirmou na presentación que un pobo «que celebra o 1.700 aniversario do nacemento dun personaxe histórico é digno, sabio e entrañable, porque san Martiño de Tours é a Historia mesma», e definiu a Ourense como «un pobo que fixo Galicia e que goza das excelencias que fan grandes aos territorios e poderosos aos seus habitantes», expresou José Ramón Ónega.

O congreso converterá eses días a Ourense «na capital mundial do ano Martiñano, pois serán tres os congresos que se celebren ao redor desta figura en Tours, Bos Aires e Ourense, sendo este último o máis internacional pola relevancia dos seus participantes e pola súa temática», asegurou o investigador Jorge López Quiroga.

Ademais da parte científica, o congreso inclúe visitas de estudo e interese histórico aos lugares máis emblemáticos da provincia para poñer en valor a riqueza patrimonial de Ourense.

Presentación do congreso de San Martiño de Tours - Casa de Galicia

Presentación do congreso de San Martiño de Tours – Casa de Galicia

También te podría gustar...