Conde resalta que a alianza entre o triatleta Gómez Noya e Galicia Calidade “une o seu prestixio a unha das marcas máis senlleiras da nosa terra”
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, asinou o pasado mércores co triatleta galego Javier Gómez Noya un acordo de patrocinio para a promoción da marca Galicia Calidade. Neste sentido, Conde resaltou que a alianza “une o prestixio de Gómez Noya a unha das marcas máis senlleiras da nosa terra”.
Conde, que estivo acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, salientou que, durante os próximos dous anos, Gómez Noya lucirá a marca Galicia Calidade nas súas actividades de promoción pública. Así mesmo, o atleta ferrolán colaborará nos actos de promoción da marca e a incorpora a súa páxina web e ás redes sociais.
“Gómez Noya leva xa o nome de Galicia por todo o mundo, e agora vincula a súa traxectoria a Galicia Calidade, salientou o conselleiro, quen explicou que a marca intenta “identificar o mellor que temos”. Así, proseguiu, Galicia Calidade resume o modo de facer as cousas en Galicia, “con humildade e coa máxima calidade, características que definen moi ben a Gómez Noya”.
O titular de Economía e Industria lembrou que a marca suma 53 empresas e máis de 300 produtos certificados, e que se está a levar a outros sectores da economía galega no marco da Estratexia Galicia Calidade 2014-2016. “Seguimos traballando en incorporar Galicia Calidade ao conxunto dos sectores económicos. Xa o fixemos recentemente coa biomasa, co granito ou co turismo, e hoxe o facemos tamén co deporte”, resaltou Conde.
Neste contexto, Gómez Noya amosou o seu orgullo por “ser galego e levar o nome de Galicia como un patrocinador máis”. “É moi bonito e moi motivante para min, ademais dunha axuda para seguir competindo ao máximo nivel”, afondou.
Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, puxo en valor a traxectoria deportiva de Gómez Noya, “un referente do deporte galego e internacional”. Actual líder do Campionato do Mundo e do Ránking Mundial da Federación Internacional de Triatlón, Gómez Noya que ten acadado xa a súa praza para os vindeiros Xogos Olímpicos.
Lete Lasa lembrou que o Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra é o lugar onde adestra o triatleta galega cando está en Galicia. Unha infraestrutura pola que segue a apostar o Goberno galego mellorando as súas instalacións neste 2015 cun investimento de 770.000 euros.