Conde destaca que a aceleradora de innovación AgroBiotech permitirá ás pemes ourensás beneficiadas “incrementar nun 15% a venda de produtos innovadores e gañar tamaño”

image_galleryO conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo onte, no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, un encontro de traballo con empresarios ourensáns aos que lles informou das posibilidades que ofrece ao tecido empresarial da provincia a nova aceleradora de innovación AgroBiotech. Unha iniciativa que, segundo explicou, está desde hoxe á disposición do tecido empresarial de Ourense –os interesados poden solicitar a súa inscrición en www.tecnopole.es e www.gain.xunta.es-, e aspira a que as pemes da provincia participantes “incrementen nun 15% a introdución de produtos innovadores no mercado, aumenten noutro 15% as súas vendas no exterior, e eleven a súa facturación gañando tamaño”.

O espazo, explicou o titular de Economía e Industria, centrarase en sectores prioritarios para Ourense, como son o agro, a biotecnoloxía e a biomasa, e estará ubicado no propio Parque Tecnolóxico de Galicia, facilitando aos participantes o aproveitamento das súas súas infraestruturas, como o Laboratorio de Biotecnoloxía, unha instalación científico-técnica dotada con modernos equipamentos. O seu emprego permitirá aos usuarios contar coas prestacións que ofrece un laboratorio propio, pero sen ter que asumir os elevados custos de adquisición e mantemento de equipos, un dos principais factores condicionantes das iniciativas emprendedoras no ámbito da biotecnoloxía.

Así, proseguiu Conde, AgroBiotech ofrece ás pemes ourensás a posibilidade de incrementar o seu potencial innovador, ao tempo que facilitará o financiamento das empresas, impulsando o acceso ao programa europeo Horizonte 2020 e aos fondos do I2C, que suman 15 millóns. Un esforzo que, segundo subliñou, se sustenta na vontade de cooperación de Bioga e de Asebio, que tutelarán e guiarán as empresas participantes, e do propio Goberno galego.

Para favorecer o desenvolvemento dos proxectos innovadores, AgroBiotech conta cun investimento de 750.000 euros, ofrecendo ás empresas un método de traballo práctico e personalizado. Así, as empresas disporán dunha folla de ruta á medida en función das súas necesidades e baixo a titorización de expertos.

Deste xeito, incidiu Conde, “impulsarase un traballo práctico a prol da innovación, compatible coas distintas actividades empresariais e aberto á industria, o que potenciará, ao mesmo tempo, a colaboración, multiplicando as sinerxías entre axentes e empresas participantes”.

A activación deste espazo, resaltou o conselleiro, encádrase na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3. Unha estratexia que permitirá mobilizar 1.600 millóns en innovación ata o 2020 e que abre o 75% dos programas ás pequenas e medianas empresas.

“O obxectivo é facer extensible esta innovación ás nosas pemes”, incidiu Conde, quen destacou outras iniciativas como os programas Conecta Pemes e Innterconecta, que están a mobilizar 3,5 millóns no tecido empresarial ourensán impulsando proxectos innovadores relacionados co agro, a biotecnoloxía e a biomasa.

También te podría gustar...