Conde defende os participantes galegos nos premios Emprendedor XXI como mostra dos “valores sobre os que se construirá a Galicia do futuro”

image_gallery (2)

 

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe aos participantes galegos nos premios Emprendedor XXI, outorgados por CaixaBank e o Ministerio de Economía y Competitividad a través de Enisa, como mostra dos “valores sobre os que se construirá a Galicia do futuro”. Conde participou no Club Financiero de Vigo na entrega da fase autonómica dos galardóns, unha fase ata a que chegaron como finalistas as compañías Cetalga extract, Latitude, Situm, Parkapp e Nasasbiotech e da que finalmente saíu elixida como gañadora Situm Technologies, que ten desenvolvido unha tecnoloxía multisensorial de localización de smartphones en interiores.

Conde subliñou que os premios Emprendedor XXI supoñen un impulso económico para abrir un futuro máis prometedor a decenas de pequenas empresas, un estímulo formativo para os gañadores, “xa sexa a través dos cursos de Cambridge ou das pontes tecnolóxicas que organizan en Silicon Valley, Tel Aviv ou Nova York”, e un impulso á percepción social positiva cara ao emprendemento innovador tanto en Galicia como no resto de España. Esa renovada percepción do emprendemento, dixo o conselleiro, responde a un profundo cambio de valores ao que responden empresas como as participantes nos Emprendedor XXI, “e que parte do rexeitamento a crear unha empresa simplemente para gañar diñeiro”, senón “para cambiar as cousas cara a unha vida máis sinxela, unha vida máis saudable e sostible, unha vida máis eficiente, ou unha vida máis xusta”.

O conselleiro, que resaltou que para sacar adiante estas empresas os seus fundadores tiveron que converterse nunha mestura de innovadores, emprendedores, e conselleiros delegados, salientou que “o valor destes cinco finalistas é a innovación que traen ao mundo. Non tanto o que son hoxe, que tamén, senón o que poden ser nos anos que virán”. Neste senso, defendeu a necesidade de que os emprendedores conten co apoio da administración a longo prazo, e subliñou o papel clave da Xunta na construción dese ecosistema emprendedor, funcionando como “portas en vez de muros”.

Conde apuntou varios dos pasos dados pola Xunta neste eido, como a eliminación das licenzas municipais de obra e actividade, substituíndoas por unha comunicación previa; o acompañamento e a asesoría aos emprendedores desde a primeira idea de negocio mediante a Unidade Galicia Emprende; a formación de 8.000 alumnos en cinco anos; a mentorización de 160 empresarios; o respaldo ao financiamento, mobilizando máis de 10 millóns no último ano mediante apoios, avais, préstamos e capital risco; as facilidades ao investimento privado, abrindo canles a través da Rede de Negocio Angels; e a posta en marcha das aceleradoras Galicia Open Future, Agrobiotech, Vía Vigo e Viga Lugo.

“E seguiremos traballando así. Xa o estamos a facer, cun plan para crear as chamadas business factories, focos de emprendemento industrial que promoverán a creación e desenvolvemento das start ups máis innovadoras mediante programas de aceleración e incubación, e a Oficina Doing Business, que supón un novo paso na simplificación administrativa” para a posta en marcha de proxectos, mediante un andén público online que permitirá aos usuarios ou propoñer suxestións, suprimir barreiras ou solucionar problemas concretos sobre proxectos en tramitación.

También te podría gustar...