«Con paso firme contra a violencia de xénero»
- Chega ás rúas de Monforte como actividade de concienciación arredor do 25N
- José Tomé Roca deu a coñecer o programa que o Concello desenvolverá en Monforte co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, un programa de actuacións que dará comezo hoxe coa colocación de pancartas conmemorativas no edificio do Concello, no Centro Cívico e na avenida de Galicia, así como un vinilo específico da campaña no Bus Urbano do Concello
- A acción máis novidosa desta edición será a denominada Con paso firme contra a violencia de xénero, que consistirá na inscrición de este lema de sensibilización sobre a violencia de xénero tanto en pasos de peóns da cidade como en sinais colocadas nas entradas de Monforte
- O Concello de Monforte continuará un ano máis coa campaña de sensibilización “En Negro contra as Violencias”, e baixo o lema de “Monforte en Negro” vestirá de loito o municipio
- O venres 25 de novembro, celebrarase a tradicional concentración na Praza do Concello, na que a Concelleira de Muller e Igualdade dará lectura ó Manifesto a partir das 12 horas. Esta acción contará coa presenza do alumnado dos centros educativos da localidade, que poderán deixar as súas mensaxes de repulsa nunha urna facilitada polo Concello. Este acto rematará cun minuto de silencio polas vítimas de violencia de xénero
- Tamén o día 25, proxectarase sobre a Torre da Homenaxe do lema da campaña, dende as 6 e media da tarde e ata as 12 da noite
- Para os alumnos e alumnas dos centros educativos de primaria e secundaria de Monforte o Concello celebrará o xogo interactivo “O Caso 25N” (6º de primaria) e o Escape room “Rexeita o Maltrato” (3º de ESO)
- Outras actividades serán un curso de autodefensa para mulleres e a obra de teatro “1888. A Señorita Xulia” da compañía Estudo Momento
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, a Concelleira de Sanidade, Pilar Espinosa e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, deu a coñecer onte os actos que o Concello organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
“Un ano mais o Concello vai celebrar o 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, porque creo que é unha lacra a que todos debemos contribuír para sacar das nosas vidas. Co número de persoas, que polo simple feito de ser mulleres, están sendo asasinadas ou recibindo malos tratos, como sociedade no podemos quedarnos quietos sen facer nada. E iso é o que busca esta campaña, que manteñamos o paso firme contra esta lacra as 24 horas dos 365 días do ano”, asegurou o rexedor monfortino.
A presentación do programa ante os medios de comunicación, tivo lugar nun dos pasos de peóns próximos á Casa Consistorial, na praza Campo de San Antonio, pois unha das principais novidades postas en marcha polo Concello para este ano, é a inscrición de mensaxes de sensibilización sobre a violencia de xénero tanto en pasos de peóns da cidade como en sinais colocadas nas entradas de Monforte.
Neste aspecto, José Tomé subliña que “con esta acción novidosa, denominada Con paso firme contra a violencia de xénero, que é o lema que puxemos nos pasos de cebra e entradas da cidade, Monforte fai un chamamento á unión e implicación de todas as monfortinas e monfortinos para seguir avanzando na loita contra a violencia machista”.
En concreto, a Concellería de Muller e Igualdade levará esta campaña á rúa a través de mensaxes de sensibilización sobre a violencia de xénero en 12 pasos de peóns e 5 sinais de acceso á cidade.
En concreto, as ubicacións das sinais é: R/Morin (zona de Ribasaltas), R/ Chantada (zona do Ceminterio), R/ Reboredo (zona acceso Polígono Industrial), R/ Benito Vicetto (preto do supermercado e estación de servizo) e R/ Ourense (zona invernadoiros).
E os 12 pasos de peóns incluídos na campaña son: R/ Chantada (fronte a zona supermercados), Avda. Galicia (fronte tenda), Praza Compañía (fronte a tenda), Ronda Emilia Casas Baamonde (fronte Conservatorio Municipal), Avenida de Galicia (fronte estación de servicio), R/ Roberto Baamonde (fronte a oficina telefonía), Avda. Galicia (fronte entidade bancaria), Praza Campo San Antonio (fronte Concello entrada Policía Local), Praza Compañía (fronte tenda), R/ Doutor Casares (cruce con R/ San Pedro e Ronda Emilia Casas Baamonde), R/ Roberto Baamonde (fronte oficina de telefonía), e R/ San Pedro (fronte Estación autobuses).
Ademais, o Alcalde tamén convidou a todos os axentes sociais e económicos do municipio a participar un ano máis na campaña de sensibilización “En Negro contra as Violencias”. Baixo o lema “Monforte en Negro”, un ano máis vestiremos de negro Monforte porque creemos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”.
A campaña promovida dende o Concello, estenderase dende hoxe día 21 e ata o 30 de novembro. Así, dende hoxe permanecerán colocadas pancartas conmemorativas no edificio do Concello, no Centro Cívico e na avenida de Galicia, así como a mencionada sinalización nas entradas da cidade e nos pasos de peóns.
Ó igual que os últimos anos, levarase a cabo a proxección sobre a Torre da Homenaxe do lema da campaña, que terá lugar o propio día 25 de novembro dende as 6 e media da tarde e ata as 12 da noite, para concienciar a toda a cidadanía en contra das violencias.
Tamén, ó igual que en 2020 e 2021, instalarase un vinilo específico desta campaña no Bus Urbano do Concello, para aumentar así a visibilidade e a forza da mensaxe que se quere transmitir.
En canto ó resto de actividades que que se desenvolverán arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, serán as seguintes:
25N
Os actos previstos para o venres 25 de novembro: darán comezo ás 12:00 horas, momento en que terá lugar o acto conmemorativo do propio día coa Lectura do Manifesto na Praza do Concello, que será lido pola Concelleira de Muller e Igualdade. Esta acción contará ademais coa presenza do alumnado dos centros educativos da localidade, que poderán deixar as súas mensaxes de repulsa nunha urna facilitada polo Concello, urna que quedará colocada na entrada da Casa Consistorial durante todo o resto do mes de novembro para todas aquelas persoas que o desexen poidan deixar as mensaxes de repulsa contra a violencia de xénero. Este acto rematará cun minuto de silencio polas vítimas de violencia de xénero.
Actividades nos centros educativos de primaria e secundaria
1.- Escape room “Reixeita o maltrato” dirixido ao alumnado de 3º de ESO
Con esta actividade traballarase dunha maneira lúdica contidos relacionados coa violencia de xénero (a orixe da cor violeta, as irmáns Mirabal, os celos, a violencia de xénero na arte, ciber acoso, sexting, ciber dating,…).
A actividade ten un alto valor educativo e traballará todos estes contidos dunha maneira lúdica e entretida xa que para evitar a violencia de xénero é necesario fomentar e inculcar a educación no respecto e o traballo con mozos e mozas é a mellor opción para conseguir un progreso rápido e sostido no que respecta á prevención e erradicación da violencia de xénero.
A actividade vai dirixida ao alumnado de 3º da ESO e cada sesión terá unha duración de 100 minutos, a persoa encargada de levar a cabo a actuación será Simón González Villanueva da empresa Territorio Comanche.
A distribución das sesións será a seguinte:
Luns 21 novembro: IES Río Cabe
- 9:35 h.-11:15 h. 3ºB
- 11:45 h.-13:25h. 3ºA
Martes 22 novembro:
- IES A Pinguela: 9:35 h.- 11:15 h.
- IES Daviña Rey: 12:35 h. – 14:15 h.
Mércores 23 novembro: CPR PP. Escolapios
- 8:45 h – 10:25 h 3ºA
- 10:45 h. – 12:25 h 3ºB
Xoves 24 novembro:
- CPR Ferroviario: 9:00 h.- 10:40 h. 3º
- CPR Fundación Torre de Lemos: 11:45 h.- 13:25 h.
2.- Xogo interactivo “O Caso 25N” dirixido ó alumnado de 6º educación primaria
A actividade consistirá nun xogo de investigación interactivo dirixido a poboación xuvenil, no que o alumnado participante terá que, por equipos, descubrir como a socialización diferencial interfire nas relacións humanas, podendo asentar as bases de condutas non igualitarias que favorezan actitudes e situacións de violencia. Para acadar o obxectivo do xogo o alumnado terá que usar o razoamento crítico e a lóxica no escrutinio de diferentes situacións, documentos ou elementos que se atoparán no transcurso da actividade.
O persoal encargado de levar a cabo a actuación serán profesionais do Traballo Social con especialización en xénero e igualdade e con experiencia en xestión de grupos, que empregarán unha estratexia de traballo participativa e baseada na adquisición conxunta de coñecementos e no adestramento de habilidades, co manexo das ferramentas e técnicas axeitadas e facilitadoras da posta en común de opinións, debates,… para que o alumnado participante interiorice os contidos dun xeito dinámico, participativo e auto reflexivo.
Esta actividade está financiada con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2022.
A actividade vai dirixida ao alumnado de 6º da Educación Primaria e cada sesión terá unha duración de 120 minutos.
A distribución das sesións será a seguinte:
Luns 21 novembro:
- CEIP Monforte: 9:00-11:00 h.- 6º A e B
- CPR Torre de Lemos: 12:00 – 14:00 h. 6º curso.
- CPR Ferroviario: 12:00 – 14:00 h. 6º curso.
Xoves 24 novembro: CPR PP. Escolapios:
- 9:20 – 11:20 h.- 6ºA.
- 11: 30 – 13:30 h .- 6ºB.
Luns 28 novembro:
- CEIP A Gándara: 10:05 – 12:05 h.- 6º curso
- CEE Infanta Elena: 10:05 – 12:05 h.
Curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas
O obxectivo deste curso é dotar as mulleres de ferramentas para a súa defensa persoal e auto capacidades para a prevención de situacións de violencia de xénero.
Estará impartido por persoal instrutor de Fegaloita, pertencente as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado cualificado con experiencia en técnicas de intervención na violencia de xénero.
Desenvolverase o martes 22 e o martes 29 de novembro no Centro Cívico Social de 16:00 a 20:00 h. As mulleres interesadas deberán inscribirse previamente no CIM.
A Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración coa Federación Galega de Loita (Fegaloita) ofreceu esta actividade ós Municipios adheridos a Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero.
Obra de teatro
En colaboración coa Concellería de Cultura desenvolveranse a representación teatral “1888. A Señorita Xulia” da Compañía Estudo Momento, incluída no circuíto da Rede Galega de Teatro.
A representación da obra terá lugar o xoves 24 de novembro ás 20:15 h. no Salón de Actos do Edificio Multiusos. Terá unha ntrada 5€ para persoas adultas e 3€ para persoas desempregadas e xubiladas.
José Tomé rematou a súa comparecencia desexando
que este programa sirva, minimamente, pero que sirva para ir eliminando esta lacra que é a violencia de xénero contra as mulleres.