Comunicado post electoral do BNG – Asambleas Abertas
Comunicado post electoral do BNG – Asambleas Abertas realizado por Victor Nieves
Chegou o día de asumir as responsabilidades públicamente, aínda no medio do shock que supuxo o resultado que se tiraron das urnas do Barco. Xa lle acheguei os parabéns persoalmente ao alcalde, pois está claro que O Barco falou claramente e quere seguir depositando 4 anos máis a alcaldía no PSOE de Alfredo García.Por iso asumo toda a responsabilidade e hoxe sei que non estiven á altura das siglas que representei. O prezo que se pagou é que se barrera ao nacionalismo do Concello do Barco, que a esquerda real se reduza a unha anécdota e deixar por primeira vez en moitos anos sen representación ás veciñas e veciños que queren unha voz que defenda os seus intereses en clave de País. Por todo iso pido desculpas.Os que estiveron ao meu carón durante os catro anos saben que din o que puiden, pero está claro que non foi suficiente, como tamén saben que perdín moitísimo máis do que gañei.Desde o meu punto de vista, non cabe outra lectura que facer. O obxectivo a abatir saiu airosamente, e aumentou a súa representación malia aos condicionantes estatais e ao desgaste dos 16 anos de goberno.Sinto que todos os erros cometidos durante 4 anos de lexislatura os tivera que recoller Suso Vilasánchez en forma de fracaso, pois é o mellor candidato que temos, e sigo convencido que defendeu o mellor programa para O Barco. Síntoo porque aínda non nacera políticamente e xa anunciou que se retiraba a un segundo plano descartando seguir sendo o candidato para unha futuras eleccións, o que por outra banda o reafirma na dignidade que o caracteriza. Moitos/as tiñan que aprender del.Teño que dar as grazas a toda a organización, que con moitos atrancos logramos facer moito traballo. E teño que agradecer á xente que traballou tanto nesta campaña, incluso aos das localidades lindantes que tamén estiveron dispostos a estar con nós cando se lles pediu. Obrigado ás que estiveron día e noite na campaña, innovando, pateando, rindo, discutindo e pensando o xeito de darlle visibilidade ao noso proxecto sen un euro.A derrota é grande, pero quizais temos que ollar para A Rúa de Valdeorras e Viana que hoxe xa son terras liberadas.