Comunicado de Riada Cidadá con respecto ao negocio que supon a privatización do auga en Valdeorras
Os feitos demostran, unha vez máis, que a privatización do auga é un pésimo negocio para o Concello de O Barco. Todo son beneficios para a empresa adxudicataria, que nin tan sequera é capaz de manter un servizo tan esencial como é a atención ao cliente, xa sexa por falta de previsión ou por aforrarse os custos de abrir a diario a oficina do Servizo Municipal de Augas.
Os veciños non están contentos, e con razón. Tal e como publicou La Región na súa edición de onte, mércores 12 de marzo. Moitos clientes achéganse para calquera xestión e atópanse coa porta pechada.
Ata o martes 11 de marzo, a oficina fóra de servizo, non tiña nin sequera un cartel informativo para os veciños que querían facer algún papeleo ou consulta. Ese día tiveron a delicadeza de poñer un papel na porta co seguinte texto: «Temporalmente, por reajuste horario de la jornada laboral, esta oficina abrirá los seguintes días: 3 y 5 de marzo / 10, 11 y 13 de marzo. Desculpen las molestias».
Como escusa, o alcalde de O Barco argumenta que o peche da oficina débese á ausencia, por razóns persoais, da traballadora que atende este servizo. Alfredo García Rodríguez asegura que, ao ser un servizo xestionado polo Consorcio de Augas de Valdeorras, a substitución debe realizarse mediante un concurso público, o que demoraría en exceso a volta á normalidade. Ademais, García Rodríguez afirma que atoparon unha solución provisional para abrir dúas ou tres días por semana ata que se reincorpore a empregada. A pregunta é obrigada: É que ninguén caera na conta de que a empregada podía pedir a baixa temporal por enfermidade ou por asuntos persoais?
Esta falta de previsión é un claro exemplo da forma en que unha empresa privada administra un ben que ata 1997 era propiedade dos veciños de O Barco de Valdeorras. Por aquel entón, o alcalde popular Xullo Gurriarán decidiu privatizar o servizo, algo que non só foi referendado no ano 2001 polo socialista Alfredo García Rodríguez, senón que se ampliaron as prebendas á sociedade adxudicataria grazas a unha estraña débeda de 20 millóns de pesetas que o Concello adquirira con esta empresa. Con esta escusa, quen aínda é alcalde do municipio concedeulle a esta compañía privada a renovación do contrato nunhas excelentes condicións, engadindo o cobro do 3% da xestión do lixo que pasou incluírse no recibo do auga, e comprometéndose o Concello a destinar os 18 céntimos de euro por metro cúbico de auga consumida que ingresa ao mantemento das conducións, liberando así á concesionaria da obriga plasmada no acordo inicial. Ademais, aínda por riba, grazas ao novo contrato esta empresa xa non ten que facerse cargo de partidas tan importantes como a ampliación da depuradora, que custará ao Concello a friolera de 640.000 euros.
Parece que o Consorcio de Augas de Valdeorras nin tan sequera é capaz de cumprir coas regras básicas do contrato. Por este motivo, desde Riada Cidadá esiximos a desprivatización do auga en O Barco, para que este ben común volva ser xestionado polo Concello dunha forma eficaz e transparente. Só fai falta vontade política para remunicipalizar este servizo e que o beneficio reverta nos barquenses. Con todo, nin PP nin PSOE parecen ter esta vontade, debido ao seu constante afán por poñer, en mans privadas, aqueles servizos públicos que son básicos para os cidadáns.