Comeza o curso 2014-15 en ESO e Bacharelato para máis de 14.000 rapaces e rapazas ourensáns
Comeza o curso 2014-15 en ESO e Bacharelato para máis de 14.000 rapaces e rapazas ourensáns
- A matriculación rexistra un lixeiro descenso en ESO, cifrado nun 0,4% menos ca no curso pasado, e en Bacharelato a caída é dun 2,1%.
- Nos centros ourensáns hai 8.669 matriculados en educación secundaria obrigatoria (ESO), mentres que bacharelato cursarano 3.104 rapaces
- Ademais, hoxe tamén volven ás aulas os alumnos e alumnas dos ciclos formativos de Formación Profesional Inicial e dos Programas de Cualificación Profesional Inicial
Máis de 14.000 estudantes inician hoxe o curso en educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato e ensinanzas de réxime especial nos centros educativos da provincia de Ourense. Segundo os datos provisionais de matriculación, son 8.669 as alumnas e alumnos que volven ás aulas da ESO, e 3.170 ás de bacharelato. En disciplinas artísticas, destaca a matriculación de 901 estudantes nas ensinanzas regradas de música, mentres que en ensinanzas de réxime especial contabilízanse 1.403 alumnos.
Ademais, hoxe tamén dan comezo as clases nos ciclos formativos de Formación Profesional, FP Básica, e no segundo curso dos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) que se imparten nos institutos de educación secundaria (IES) e nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) da provincia ourensá. Os datos de número de matriculados nestas ensinanzas coñeceranse nas vindeiras semanas, unha vez remate o prazo de matriculación de alumnas e alumnos na segunda adxudicación do período extraordinario de admisión.
Cómpre sinalar que a totalidade dos centros iniciaron a súa actividade con normalidade, tal e como comprobou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, quen xunto coa xefa territorial de Educación, Mercedes Gallego, acudiu ao IES nº1 do Carballiño para comprobar as obras de reforma realizadas neste centro, consistentes na ampliación do sistema de calefacción nos laboratorios e outras aulas presupostadas en preto de 20.000 euros. Ademais, o delegado territorial asistiu á conferencia inaugural que o centro organizou como acto de apertura do curso.
Rogelio Martínez subliñou que as obras de reforma realizadas nos centros de Secundaria e Bacharelato están rematadas grazas ao esforzo e traballo realizado durante os meses de verán co obxectivo de non interferir na volta ás aulas. Entre as obras máis destacadas atópanse: a adaptación de locais destinados a aula de hixiene bucodental e informática, e ao laboratorio de química, actuacións cifradas en 47.000 euros, no CIFP A Carballeira; a adaptación de espazos nas aulas de Enoloxía, mellora do acceso de entrada e reposición da carpintería interior e persianas no IES do Ribeiro cun presuposto de máis de 75.000 euros; ampliación no sistema de calefacción nos laboratorios do IES nº1 do Carballiño e reparación dos tellados dos IES de Viana do Bolo e O Barco,
Educación Secundaria
Segundo os datos provisionais da Xunta de Galicia, un total de 8.669 alumnos e alumnas comezaron hoxe o curso nos centros ourensáns que imparten a Educación Secundaria Obrigatoria, fronte aos 8.703 estudantes do ano pasado, o que supón un descenso na matrícula do 0,4%. Deles, 4.462 están matriculados en centros da cidade das Burgas.
Educación secundaria obrigatoria | Total Educación secundaria obrigatoria | |||
Privado | Público | |||
Comarca | Concertado | Non Concertado | – | |
A Limia | 422 | 422 | ||
A Limia Baixa | 88 | 88 | ||
Allariz Maceda | 339 | 339 | ||
O Carballiño | 123 | 559 | 682 | |
O Ribeiro | 318 | 318 | ||
Ourense | 2233 | 81 | 2215 | 4629 |
Terra de Caldelas | 45 | 45 | ||
Terra de Celanova | 67 | 244 | 311 | |
Terra de Trives | 75 | 75 | ||
Valdeorras | 254 | 613 | 867 | |
Verin | 189 | 84 | 458 | 731 |
Viana | 162 | 162 | ||
Totais Ourense | 2966 | 165 | 5538 | 8669 |
Nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español, diminúe lixeiramente cifrándose en 401, o que supón 16 alumnos menos que no curso pasado.
Bacharelato ordinario
Tamén comezaron as clases os 3.104 alumnos matriculados en bacharelato ordinario, fronte aos 3.170 matriculados o curso pasado. Nesta etapa educativa tamén se rexistra un lixeiro descenso de estudantes que se cifra nun 2,1% menos ca no curso pasado. Os centros educativos da capital acollen a un total de 1.794 estudantes.
Segundo a titularidade dos centros, os públicos acollen o maior número de alumnos, un total de 2.552 alumnos fronte os 552 que cursan estes estudos en centros privados (concertados ou non concertados).
Nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español, aumenta respecto do curso pasado. Este ano están matriculados 55 estudantes, mentres que no curso 2013/2014 foron 49.
Bacharelato | Total Bacharelato | ||
Privado | Público | ||
Comarca | Non Concertado | – | |
A Limia | 148 | 148 | |
A Limia Baixa | 29 | 29 | |
Allariz Maceda | 108 | 108 | |
O Carballiño | 189 | 189 | |
O Ribeiro | 89 | -89 | |
Ourense | 511 | 1313 | 1.824 |
Terra de Caldelas | 0 | ||
Terra de Celanova | 92 | 92 | |
Terra de Trives | 35 | 35 | |
Valdeorras | 41 | 273 | 314 |
Verin | 230 | 230 | |
Viana | 46 | 46 | |
Totais Ourense | 552 | 2.552 | 3.104 |
Outras ensinanzas
Tamén chegaron ás aulas os estudantes de educación especial e os matriculados en ensinanzas artísticas. Nestas disciplinas destacan, segundo os datos provisionais, os 901 matriculados en Ensinanzas regradas de Música.
No que atinxe ás ensinanzas para adultos, estímase que na provincia de Ourense as cursarán no curso 2014/2015 un total de 1.403 persoas. Das que 84 están matriculadas en ensinanzas básicas de nivel I e II, 617 en educación secundaria para adultos, 258 en bacharelato presencial e 444 no bacharelato semipresencial ou a distancia.