Comeza a tempada galega de caza 2015-2016 para case 50.000 cazadores galegos
O período hábil de caza, con alcance xeral, comeza mañá, 18 de outubro, ata o vindeiro 6 de xaneiro de 2016.
- Os terreos cinexéticamente ordenados nos que se pode practicar esta actividade superan as 2,6 millóns de hectáreas
- Considéranse días hábiles de caza con carácter xeral os xoves, domingos e festivos de carácter estatal e autonómico
- Unha das novidades desta tempada é a ampliación a dous o número máximo de cans por cazador no adestramento de cans atrelados, que irán sempre atados ao cazador, non soltos
- Nas próximas semanas asinarase o convenio para a emisión de Licenzas Únicas de Caza, uns permisos interautonómicos que evitará que os cidadáns teñan que repetir os mesmos trámites e xestións administrativas en cada comunidade autónoma onde desexen realizar esta actividade
A tempada de caza 2015-2016 iníciase mañá na Comunidade galega. O colectivo de cazadores galegos, que xira no entorno dos 50.000, poderán dispoñer de licenza para exercer esta actividade en 453 tecores, que superan as 2,6 millóns de hectáreas de terreos cinexéticamente ordenados. A esta extensión hai que engadir os terreos da Reserva Nacional de caza de Os Ancares, as explotacións cinexéticas comerciais e zonas libres; o resultado é que practicamente nun 90% da superficie da nosa Comunidade Autónoma se pode practicar esta actividade.
Na seguinte táboa amósase a información referente aos tecores aprobados a día de hoxe en Galicia, por provincias:
Nº tecores |
Superficie en Has. |
|
A Coruña |
124 |
695.383 |
Lugo |
149 |
929.525 |
Ourense |
107 |
664.419 |
Pontevedra |
73 |
350.551 |
TOTAL |
453 |
2.639.878 |
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recorda que o período hábil de caza comeza mañá e prolongarase ata o vindeiro 6 de xaneiro de 2016, con alcance xeral, ambas datas incluídas. Considéranse días hábiles de caza con carácter xeral os xoves, domingos e festivos de carácter estatal e autonómico.
Novidades
Entre as novidades que se recollen para a nova tempada destaca o feito de que se amplía a dous o número máximo de cans por cazador/a no adestramento de cans atrelados, que van sempre atados ao cazador, non soltos.
En relación coa caza menor, naqueles terreos cinexéticos de réxime común onde estea permitido o exercicio da caza, redúcese a cota máxima de captura do coello (unha peza por cazador e día) e o número máximo de cans por grupo de seis cazadores (12 cans).
Nesta tempada, co carácter xeral prohíbese o aproveitamento das femias de corzo, permitíndose non obstante a súa caza por danos ou como medida en prol dun mantemento sustentable desta especie. Neste último caso, o titular do aproveitamento cinexético pode escoller entre dous períodos de caza para aproveitamento das femias de corzo: dende o 05.09.2015 ata o 17.10.2015 ou dende o 07.01.2016 ata o 07.02.2016.
A práctica da cetraría e caza con arco, tanto en terreos de réxime cinexético común como especial, poderá realizarse nas mesmas condicións que as que se sinalan para a caza con outros métodos de caza e os período e días hábiles de adestramento das aves de cetraría serán os mesmos que os de adestramento de cans.
En canto á caza maior nos terreos de réxime cinexético común incorporarase a modalidade de axexo. Nas esperas efectuadas en terreos de réxime cinexético especial, poderase disparar a todas as pezas de caza maior que se atopen en período hábil de caza e que estean recollidas no plan de ordenación cinexética e no plan anual de aproveitamento e sempre que non se teña cuberta a cota de capturas.
Cómpre lembrar que no pasado mes de xuño, o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución pola que se determinan, ademais das épocas hábiles, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies para a tempada. Nesta norma tamén se indican as especies sobre as que se poderá exercer a práctica cinexética, os métodos autorizados e as limitacións xerais ou particulares que afectarán ao exercicio desta actividade.
Licenza única de caza
Dende a Xunta de Galicia destácase que nas vindeiras semanas se dará un avance moi importante para o sector, xa que se asinará o convenio que permitirá emitir a Licenza Única de Caza.
Grazas a esta iniciativa, na que participan o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e as comunidades de Asturias, Castilla e León, Castela A Mancha, Estremadura, Madrid Aragón e a Comunidade Valenciana, simplifícase o procedemento administrativo para a emisión das licenzas administrativas preceptivas para o exercicio da caza e da pesca nas distintas comunidades autónomas.
A harmonización nun único documento evitará que os cidadáns teñan que repetir os mesmos trámites e xestións administrativas en cada comunidade autónoma onde desexen realizar estas actividades, á vez que isto redundará nunha maior eficacia administrativa e eficiencia do gasto en cada unha das administracións que subscriben o convenio.
Os titulares da licenza única interautonómica poderán exercer o seu dereito no territorio de calquera das Comunidades Autónomas asinantes, respectando en todo caso a lexislación vixente en cada unha delas. Isto supón unha significativa simplificación dos procedementos administrativos, o que redundará por un lado nos propios cidadáns, e permitirá por outro a optimización na xestión e no emprego dos recursos públicos.