Colaboración para poñer en valor o casco histórico de Monforte

  • O Concello e o Goberno do Estado analizan vías
  • O Alcalde, José Tomé Roca, mantivo unha reunión co Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Verelst, na que abriron un espazo de diálogo de cara a levar a cabo actuacións “para conservar o patrimonio e que ese patrimonio potencie o atractivo turístico de Monforte e do conxunto da Ribeira Sacra”
  • Tomé Roca subliñou o compromiso do Executivo central coa comarca e coa provincia, ao concederlle en dous anos o 50% dos plans de sostibilidade turística que recibiu Galicia: o da Ribeira Sacra o ano pasado, dotado con 2M€, e o da Mariña, este ano, con 3M€

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, mantivo onte xoves un encontro co Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Verelst, no marco dunha visita do representante do Goberno do Estado ó concello monfortino, que serviu para “analizar as posibilidades de colaboración entre a Secretaría de Estado de Turismo e o Concello para poñer en valor o casco histórico importantísimo que temos, así como os seus elementos singulares, que teñen unha proxección turística moi importante”, explicou o rexedor.

José Tomé asegurou que, coa visita de Valdés, que foi acordada entre ambos na pasada edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR), abriuse un espazo de diálogo de cara a levar a cabo actuacións “para conservar o patrimonio e que ese patrimonio potencie o atractivo turístico de Monforte e do conxunto da Ribeira Sacra porque ambos están moi interrelacionados, falar de Monforte é falar da Ribeira Sacra, e viceversa”.

O Alcalde mostrouse convencido de que “atoparemos a colaboración para que os elementos históricos de Monforte rexurdan e sirvan para potenciar o turismo”.

Así mesmo, afirmou que o Concello xa ten exposto ó Secretario de Estado cales son as necesidades de Monforte “e o que analizamos agora son as posibilidades de colaboración para levar a cabo actuación, basicamente situadas no casco histórico, declarado conxunto histórico artístico no ano 1973”. “Despois de aprobar o Plan Especial de Protección do Casco Histórico, é o momento de empezar a facer actuación concretas”, explicou o Alcalde, explorando unha colaboración que nunca antes se abordara.

Plan de Modernización y Competitividad

 Antes de visitar a Muralla Medieval e a Torre da Homenaxe, José Tomé compareceu ante os medios de comunicación acompañado do Secretario de Estado de Turismo, quen neste sentido apuntou que o Plan de Modernización y Competitividad del Sector Turístico, dotado con 3.400M€ de fondos europeos, “dispón de recursos para abordar a posta en valor do patrimonio de Monforte como expoñente en canto ó patrimonio de uso turístico”. Valdés subliñou as capacidades desta ferramenta de financiamento, “tanto en materia de conservación do patrimonio histórico e cultural de uso turístico, como para desenvolver plans de sostibilidade que permitan a transformación do destino en materia de enerxética, e de transición verde e dixital”.

Trátase, polo tanto, asegurou o Secretario de Estado, de “valorar conxuntamente cales son as opcións para, non só que Monforte se consolide como capital da Ribeira Sacra como expoñente do turismo en Galicia, senón para empezar a xerar experiencias turísticas aproveitando a súa capacidade en canto a gastronomía, enoturismo e patrimonio natural e cultural. A proposta pasa por diversificar o destino e xerar riqueza ó longo de todo ano, da desestacionalización”.

Compromiso co impulso do turismo 

Por outra banda, o Alcalde e tamén Presidente da Deputación de Lugo subliñou o compromiso do Goberno do Estado coa Ribeira Sacra e coa provincia en canto ao impulso do sector turístico, ao concederlle en dous anos o 50% dos plans de sostibilidade turística que recibiu Galicia: o da Ribeira Sacra, o ano pasado, dotado con 2M€, e o da Mariña, este ano, con 3M€. Trátase de dous proxectos “moi importantes” para seguir potenciando estas dúas zonas, “que ademais son das máis demandadas de Galicia dende o punto de vista turístico”, afirmou José Tomé, quen resaltou que “tanto a Ribeira Sacra como a Mariña están cunha ocupación practicamente do 100% na actualidade”, e que, no caso de Monforte, mesmo “hai consultas para ampliar prazas hostaleiras”.

Agora si, agora o Goberno de España axuda ó turismo en Galicia, na provincia, e en Monforte, para desenvolver as nosas capacidades, poñer en valor os nosos recursos, e impulsar unha actividade fundamental como é o turismo, que supón na provincia 11% do PIB e 12% do emprego

, subliñou Tomé Roca.

O Alcalde e o Secretario de Turismo, estiveron acompañados nesta xuntanza de traballo en Monforte pola Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada.

También te podría gustar...