COGAMI remata curso de comunicación en lingua castelá

  • Dirixido a persoas con discapacidade de Ourense
  • Son 12 persoas as que se formaron neste curso que está cofinanciado pola Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional

 

Un total de 12 persoas con discapacidade de Ourense, 6 homes e 6 mulleres, finalizaron o curso de Comunicación en Lingua Castelá N2 que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) impartiu nas instalacións que ten en Ourense (rúa Farixa, nº3, baixo).

Este curso denominado AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas), estivo cofinanciado pola Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, enmarcado no que se coñece como Competencias Clave Nivel 2, que permitirá ao alumnado que o supere poder optar a facer formación equivalente a ter cursado o graduado da ESO.

As 12 persoas que se formaron neste curso son dos concellos de Ourense, O Carballiño, Barbadás, Coles e Toén, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo ou de incapacidade laboral para a profesión habitual. Tras superar esta formación, iniciarán as competencias clave en matemática e en lingua galega para completar as de nivel 2 necesarias para acceder á formación AFD de referencia.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, rexistrando arestora un total de 2.259 persoas inscritas.

También te podría gustar...