Clubs Deportivos de Ourense, axudas por catrocentos mil euros
- A Xunta de Goberno aprobou 400.172 euros para axudas a Clubs Deportivos de Ourense
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou a resolución do concurso para a concesión de axudas a clubs deportivos de Ourense para o ano 2016, polo que concedeu un total de 400.172,51 euros en axudas a máis de 90 clubs da provincia para as disciplinas deportivas de fútbol, fútbol sala, hípica, piragüismo, golf, baloncesto, ximnasia, voleibol, entre outras. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 5 de agosto.
Asemade, en materia de cooperación, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou unha axuda para o Concello de Muíños por importe de 50.000 euros destinada ao proxecto de pantalán no complexo turístico de O Corgo. Outra das axudas polo mesmo importe de 50.000 euros foi para o Concello de Ourense para a organización do festival de cine internacional OUFF, correspondente ao ano 2016. Para o Concello de Padrenda aprobaron unha axuda de 15.000 euros para inventario de bens, e por último, para o Concello de Riós para gastos de persoal e funcionamento do Centro Agroforestal do municipio, aprobou a Xunta de Goberno unha axuda de 30.000 euros.