Cita para traumatoloxía en Valdeorras: en decembro… do 2022
- O BNG denuncia o desmantelamento dos servizos sanitarios en Valdeorras e acusa ao PP de deixar a 30.000 cidadáns sen o dereito básico á saúde.
- María Albert lembrou que máis de 4.500 persoas reclamaron nas rúas de Valdeorras a restitución das prazas eliminadas pola Xunta na maior parte dos servizos sanitarios
A través dunha pregunta parlamentaria ao conselleiro de Sanidade, a deputada do BNG, María Albert reclamou cubrir as prazas de especialistas en radiodiagnóstico e traumatoloxía no Hospital Público de Valdeorras.
Na súa intervención, Albert lembrou que hai quince días, máis de 4.500 persoas do distrito sanitario de Valdeorras participaron na mobilización pola defensa do seu Hospital e dos seus servizos sanitarios. “Loitan polo seu dereito básico á sanidade pública ante o que é un abandono premeditado, sistematizado e planificado por parte da Xunta de Galiza do que foi unha área sanitaria punteira en moitos aspectos no seu momento”, afirmou.
A deputada recriminou ao goberno galego deixar a 30.000 persoas sen o dereito básico á saúde, e hoxe, dixo, queremos traer á Cámara galega “a falta de traumatólogxs e radiólogxs no Hospital Público de Valdeorras” e facémolo, subliñou, “sen perder de vista a problemática estrutural que afronta a sanidade pública no distrito”.
A nacionalista denunciou a eliminación de servizos asentados entre os que destacou, a falta de persoal médico en cardioloxía, uroloxía, dermatoloxía ou médicos e medicas rehabilitadores ao que sumou a falta de matronas, xinecólogas, unha base do 061, ambulancias medicalizadas e “agora cun servizo de medicina interna ao 50% dos seus recursos”.
O PP segue negando o desmantelamento sanitario en Valdeorras
A deputada cualificou de “vergoñento” o desmantelamento sanitario que o PP “nega por activa e pasiva” disfrazado a realidade de propaganda. Pero é difícil impor “a publicidade” cando é a saúde das persoas a que se ve afectada. “Hoxe non hai unha persoa en toda a comarca, salvo quizais o alcalde da Rúa, que negue a evidencia deste desmantelamento”, asegurou.
Por outra parte, a deputada criticou que o propio conselleiro de Sanidade se desprazara á comarca tres días antes da mobilización para facer dúas cousas, por unha banda, “cambiar o seu discurso negacionista, ante a evidencia, e por outra, paralizar a mobilización” insultando á cidadanía ao afirmar que as protestas na rúa desprestixian o sistema sanitario. Supoño, ironizou Albert, que “algúns alcaldes do seu partido que se manifestaron coa súa veciñanza tamén despretixiaban a sanidade pública”. Neste sentido, recalcou que quen desprestixia o sistema sanitario é “quen o baleira de servizos e o desmantela de xeito consciente deixando a máis de 30.000 cidadáns desposuídas do dereito básico á saúde”.
Veu vostede a Valdeorras e de repente foi como se chegara o “Apalpador” á comarca. Todo agasallos. Pasamos de non ter ningún problema a ter xinecólogo novo ,outra mentira, porque cando o anunciaron xa sabían que outro marchaba no seu lugar, novo ecocardiógrafo e novos traumatólogxs, un deles concertado coa sanidade privada de León. Estaría ben que na súa visita a Valdeorras viñera acompañado polo Xerente do Sergas que “aínda non coñece o Hospital”.
Despois dun ano continuamos sen médicos radiólogos e hai un ano que lle preguntei como ía solucionar este problema pero aquí seguimos, coa mesma reivindicación.
Cita para traumatoloxía no mes de decembro do ano 2022
Tras a intervención do titular de sanidade, que anunciou que os servizos serán cubertos con rotacións de facultativos, a deputada do BNG amosou unha fotografía dunha cita médica para trauma no “mes de decembro do ano 2022” expedida hai dous meses e preguntou se a solución era trasladar a un traumatólogo de León para facer consultas os martes e xoves pola tarde.
Vostedes, recalcou Albert, “non teñen vontade política” para solucionar os problemas do distrito de Valdeorras porque de seren así, incentivarían as prazas e lamentou que, unha vez máis, o conselleiro non formulara un compromiso real para dotar de prazas o Hospital e ofrecer unha atención sanitaria de calidade á cidadanía da comarca de Valdeorras.