“Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular”
- Ourense, última sede da exposición itinerante de economía circular que promove o Inorde
- A sede da CEO acolle, desde hoxe e ata o 22 de decembro, esta iniciativa que se puxo en marcha no marco do proxecto europeo “Circular Labs” e que está formado por dous bloques temáticos: un de boas prácticas e outro dedicado ao up-cycling
- Tras recorrer as diferentes cidades dos socios que forman parte deste proxecto, chega á nosa provincia para finalizar con esta andaina na que participaron 32 empresas e asociacións, entre as que se atopan cinco ourensás
A provincia de Ourense é a última sede da exposición itinerante de economía circular que promoveu o Inorde no proxecto transfronterizo INTERREG V A-POCTEP, “Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular”. A mostra, que poderá visitarse na sede da CEO ata o 22 de decembro, foi presentada polo presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente, e pola presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Nóvoa.
O presidente do Inorde agradeceu, precisamente, á CEO que “nos permitiran expoñer esta iniciativa na súa sede porque o noso obxectivo era vencellar o traballo dos participantes cos empresarios e emprendedores ourensáns e non había un mellor lugar para expoñer os seus produtos e boas prácticas que nun lugar que apoia e representa ao nosos empresarios e emprendedores como é a sede da Confederación Empresarial de Ourense”.
Esta exposición, que comezou en Valladolid, chega a Ourense, tras recorrer as diferentes cidades dos socios que integramos este proxecto, para pechar esta iniciativa “coa que amosamos aos visitantes o gran traballo que fan as empresas e asociacións participantes que pertencen ás tres rexións que integramos este proxecto (Galicia, Castela e norte de Portugal)”.
A exposición está formada por dous bloques temáticos: un sobre Boas Prácticas en Economía Circular no que participan 14 empresas que a integraron no seu negocio; e outro apartado está dedicado ao up-cycling no que se atopan os produtos que foron transformados de acordo ao modelo de economía circular por 18 empresas e asociacións que, botando man da súa creatividade, foron capaces de adaptar os seus produtos.
Entre as empresas participantes atópanse varias de Ourense. Unha delas é Hilokune Estudio Logaro, que aportou á exposición nove produtos. Xunto a ela tamén está a emprendedora alarica coa súa empresa de deseño textil artesán, Inés RIR&Co, que aportou á exposición unha manta de fibra de proteína láctea 100%. E, a terceira empresa ourensá que se expón nesta mostra e que, polo tanto, poderedes coñecer o seu traballo é Conservas do Támega S.L., Terra de Baronceli, que elabora conservas con materias primas de alta calidade ó ser produción libre de sementes transxénicas, pesticidas e metais pesados. E para o envasado non se emprega ningún tipo de aditivo químico nin conservantes artificiais.
Así mesmo, na sección de Boas Prácticas participa a empresa Cuevas&Cia e a Sociedade Cooperativa Amarelante, amosando unha vez máis que o sector da castaña é un referente na nosa provincia.
Rosendo Fernández agradeceu a todas elas a súa implicación e colaboración con este proxecto,
permitíndonos amosar en diferentes lugares do país algúns dos exemplos ourensás que están a apostar pola economía circular no noso territorio.
Laboratorio rural de economía circular
Por outro lado, Rosendo Fernández lembrou que “para apoialos nesta andaina, desde o Inorde creamos, tamén no marco deste proxecto europeo, un laboratorio rural de economía circular no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo de Limia”. Este laboratorio rural nace co obxectivo de axudar aos produtores e que sirva de revulsivo cara á necesaria transformación do sector primario para unha optimización na xestión de recursos e, todo elo, de xeito sinérxico cos labores que xa desempeña o propio Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro.
Esta nova infraestrutura está dotada de maquinaria que se atopa a disposición “dos produtores da nosa provincia que estean interesados en usala e que presenten unha proposta ou un proxecto de negocio que estea claramente vencellado coas estratexias de economía circular”, sinalou Rosendo Fernández. Ademais, valorarase positivamente a inclusión nas mesmas de produtos endóxenos, perseguindo con isto a necesaria conservación da biodiversidade.
“Desde o Inorde continuaremos a traballar pola sustentabilidade e a economía circular, seguindo as directrices que nos marcan desde Europa, e apoiaremos ao noso sector produtivo nesta transformación para que se adapten ás novas esixencias que marca a realidade actual e que pasan pola sustentabilidade dos territorios”, engadiu Rosendo Fernández.
Ademais do Inorde, son socios deste proxecto “Circular Labs”, a Fundación EOI, a Fundación Patrimonio Natural de Castela e León, Deputación de Ávila, Concello de Valladolid, Universidade de Salamanca, Fundación Paideia Galiza, MAIEUTICA-Cooperativa de Ensino Superior – Maia, Instituto Politécnico de Bragança, ADITEC: Asociación Para o Desenvolvemento e a Innovación Tecnolóxica de Porto e o Municipio de Montalegre.
O proxecto «Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular» no espazo ibérico está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.