Cincuenta composteiros gratuítos para as familias de Sober
- Esta entrega súmase a outras xa levadas a cabo en colaboración co programa de compostaxe doméstico de Sogama
- Os interesados en recibir un destes contedores deben solicitalo no Concello
O Concello de Sober repartirá nos vindeiros días un lote de 50 composteiros domésticos individuais aos veciños e veciñas que os soliciten, de xeito totalmente gratuíto.
Os composteiros poden instalarse no exterior das vivendas ou nas eiras anexas. Trátase de colectores duns 300 litros de capacidade, que veñen acompañados dun pequeno manual de instrucións no que se explica cómo realizar o proceso da compostaxe de xeito correcto.
O Goberno local considera que a compostaxe é parte da solución para contribuír á redución da pegada medioambiental, para mellorar a nosa contorna e reducir a factura do lixo. Son residuos que non van producir contaminación e que se van aproveitar para xerar enriquecemento do solo dentro da propia vivenda.
O proceso é limpo, non produce cheiros e non necesita mantemento.
Solicitudes
As persoas interesadas en facerse cun destes colectores domésticos poden solicitalo no Concello de Sober en horario de oficina. O reparto farase a vindeira semana.
O Concello de Sober foi un dos primeiros en adherirse ao programa de compostaxe doméstico de Sogama. Con esta técnica, ademais da obtención de compost, conséguense importantes beneficios ambientais e económicos, tendo en conta que os concellos poden ver reducida a frecuencia de recollida do lixo convencional, así como o importe da factura que deben pagar a Sogama pola xestión e tratamento da bolsa negra.