Chegan os primeiros participantes do programa «Conecta con Galicia», que este ano fai posible que 174 descendentes de galegos convivan con mozos residentes na Comunidade
Os primeiros participantes da edición deste ano do programa da Campaña de Verán ‘Conecta con Galicia’, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no Exterior, aterraron onte a mañá nos aeroportos da Coruña e Santiago. No primeiro deles, foron recibidos polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e maila delegada da Xunta na Coruña, Belén Do Campo; e no compostelán, Miranda estivo acompañado pola subdirectora xeral do Instituto da Xuventude de Galicia, María Mosteiro.
Trátase dunha iniciativa da propia Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pola que se pretende que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico no marco da Campaña de Verán da Consellería de Traballo e Benestar.
O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.
Así, o programa permite que 174 descendentes de cidadáns galegos poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.
Actividades de aire libre
‘Conecta con Galicia’ desenvólvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 155 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.
Nestas instalacións realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.