Chega a II carreira popular ‘Trevinca – A Veiga’ «intentando superar o reto do ano pasado, e que se converta nun dos referentes das carreiras populares de Galicia»

  • Presentada a II carreira popular «Trevinca – A Veiga»
  • Esta proba deportiva que terá lugar o vindeiro 21 de agosto, no Concello de A Veiga, é unha das probas do primeiro circuíto de carreiras populares de Valdeorras
Bernardino González,Manuel Rodríguez, Juan Anta e Agustín González

Bernardino González,Manuel Rodríguez, Juan Anta e Agustín González

 

A segunda edición da carreira popular «Trevinca-A Veiga», unha das probas do primeiro circuíto de carreiras populares de Valdeorras, celebrarase o vindeiro 21 de agosto, no Concello de A Veiga. A presentación desta cita deportiva tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o alcalde do Concello de A Veiga, Juan Anta; o delegado e o director técnico da Delegación Valdeorresa de Atletismo, Manuel Rodríguez e Agustín González, respectivamente.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva «que da a coñecer os nosos recursos e que se consolidará no tempo, tralo éxito acadado na primeira edición», destacou Bernardino González.

«Este ano cambiamos o percorrido porque resultou demasiado duro o ano pasado, polo que realizamos dous circuítos, o da carreira consta de dúas voltas a un circuíto urbano de 4.260 metros por volta, algo máis de 8 quilómetros en total, mentres que a andaina conta cun percorrido duns 10 quilómetros, dos cales só un tramo coincide coa carreira. A saída de ambas probas será na Praza do Concello, sendo a da carreira ás 11.30 horas, e a da andaina, media hora antes», explicou o director técnico da Delegación Valdeorresa de Atletismo.

Agustín González explicou que a primeira edición desta proba «foi todo un reto polas datas na que se celebra, en pleno mes de agosto, pero trala boa participación que tivo o ano pasado, esperamos que este ano logremos superar os 150 participantes, entre os dous eventos».

As inscricións para participar nesta proba poderán realizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com, na Oficina de Turismo de A Veiga, ou o mesmo día da proba, media hora antes da saída, cun prezo de 5 euros con bolsa de corredor ou de 3 euros sen a bolsa.

As inscricións dos cativos en categorías prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes, serán gratuítas e as carreiras terán lugar a partir das 13.00 horas.

«Trátase de dar a coñecer a comarca con esta actividade, aberta para todo aquel que queira participar, e que se enmarca dentro do primeiro circuíto de carreiras populares de Valdeorras», dixo Agustín González.

O alcalde do Concello de A Veiga dixo que este ano «intentaremos superar o reto do ano pasado, e que se converta nun dos referentes das carreiras populares de Galicia, porque ten todos os elementos para que así sexa. Contamos cun entorno espectacular, coas condicións climatolóxicas idóneas e cunha magnífica gastronomía». Asemade lembrou que o Concello de A Veiga «dará un bono de dous euros a todos os participantes co fin de poñer en valor o comercio local e a nosa gastronomía», asegurou Juan Anta.

También te podría gustar...