Charla do Programa galego de vida sen tabaco hoxe en Ourense
A Delegación Territorial da Xunta en Ourense, a través da xefatura territorial da Consellería de Sanidade, organizou un acto institucional de apoio á celebración do Día Mundial Sen Tabaco, que se celebra cada 31 de maio, convocado pola OMS baixo o lema “Alto ao comercio ilícito de produtos de tabaco”.
O acto consistiu nunha charla coloquio dirixida a escolares organizada co obxectivo de visibilizar as medidas de prevención que están implantadas para frear a epidemia do tabaquismo e sensibilizar sobre as tácticas levadas a cabo polos distintos actores para contrarrestar o seu efecto.
Os participantes nesta charla incidiron en que o tabaquismo é un dos principais problemas de saúde no mundo e unha das principais causas de perda de anos potenciais de vida, ademais de ser a principal causa de morte e de enfermidade evitable.
Segundo unha enquisa de condutas saudables e de risco para a saúde realizada no último trimestre do pasado ano pola Consellería de Sanidade, o 14,4% dos escolares galegos de 4º da ESO son fumadores e o 26,6% declaran estar expostos a cotío ao fume ambiental de tabaco na casa onde viven.
Os responsables autonómicos indicaron que estes datos, malia aos logros acadados na loita contra esta epidemia, motivan a continuidade das diferentes actuacións realizadas pola Xunta de Galicia dende o ano 1993, no que se inicia o Programa galego de vida sen tabaco, tanto de prevención, promoción ou tratamento do tabaquismo.