Celébranse en Ourense tres xornadas sobre prevención de riscos laborais no sector da construción
Celébranse en Ourense tres xornadas sobre prevención de riscos laborais no sector da construción.
A Xunta concretamente a consellería de Traballo confirmou hoxe que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a colaborar nas ‘IX Xornadas Técnicas sobre Prevención de Riscos Laborais’ promovidas pola Asociación provincial de empresarios da construción de Ourense (ACO) que se desenvolverán hoxe, mañá e o xoves en Ourense, O Barco de Valdeorras e Verín.
Estas xornadas dan continuidade ás organizadas os últimos anos e pretenden seguir promovendo a prevención de riscos laborais nun sector tan significativo como é o da construción, ao mesmo tempo que se acercan estes coñecementos ás empresas a nivel comarcal.
Nestas xornadas, o xefe do equipo técnico de seguridade e hixiene do centro do ISSGA en Ourense, Héctor González, realizará unha intervención sobre a oportunidade que supón esta época de transición na economía, e moi especialmente no sector da construción, para tratar de sentar, desde as empresas, as bases da integración no quefacer diario do emprego de prácticas e procedementos coa prevención integrada.
Para elo, abordará as últimas estatísticas do sector en Galicia e especialmente na provincia de Ourense, e tamén os riscos e tipos de accidentes mais significativos, con especial incidencia nas obras de rehabilitación e reforma, que tanta relevancia están a ter no sector da construción nos últimos anos.
A divulgación destes coñecementos e novidades é unha parte fundamental da prevención de riscos laborais e inscríbese no obxectivo cuarto do Plan estratéxico do ISSGA que consiste en potenciar a formación en materia de prevención dos riscos laborais.
Aspectos importantes como a formación no sector, os recursos preventivos, o Rexistro de Empresas Acreditadas (REA), o Rexistro de Empresas con Risco de Amianto (RERA), o Rexistro de Coordinadores da comunidade autónoma de Galicia, a subcontratación, a coordinación, a nova Guía técnica de construción, as comunicacións de apertura, os plans de seguridade, as avaliacións de riscos, serán puntos de interese a tocar nestas xornadas que servirán de cara a unha máis ampla concienciación nos temas preventivos, así como cara a unha actualización de coñecementos no eido da prevención de riscos laborais para adecualos ao progreso tecnolóxico, científico e lexislativo.