Celebración do Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e Nenas en todos os campos de fútbol

  • A Xunta une deporte e infancia para celebrar o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e Nenas en todos os campos de fútbol de Galicia
  • O conselleiro de Política Social destaca a importancia dos nenos e nenas para a Xunta de Galicia, aos que define como “a esperanza da nosa economía, o baluarte da nosa demografía e o vehículo da nosa cultura”

image_gallery-3

 

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou no día de hoxe o Mundo do Fútbol, a cidade deportiva do RC Deportivo emprazada no municipio coruñés de Abegondo, onde tivo lugar o partido correspondente á terceira división entre o Fabril e o Ribadumia e onde se celebraron os actos centrais do Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e Nenas. Unha data que se celebra este domingo 20 de novembro en honor á Declaración dos Dereitos do Neno e a Convención dos Dereitos do Neno que tiveron lugar tamén un 20 de novembro de 1959 e 1989, respectivamente. Ademais deste acto festivo, realizouse outro acto conmemorativo na meirande parte dos campos de fútbol da Galicia, onde se produciu a lectura dun manifesto en favor da infancia elaborado polo escritor gañador do Premio Xerais 2016, Manuel Esteban Domínguez.

O conselleiro de Política Social destacou, unha vez máis, a importancia dos nenos e das nenas para a Xunta de Galicia, aos que definiu como “os mozos de mañá e os adultos do futuro; a esperanza da nosa economía, o baluarte da nosa demografía e o vehículo da nosa cultura”. “Os nosos nenos e nenas o son todo; eles son a Galicia que vén”, sentenciou.

A celebración do Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e Nenas realízase este ano baixo o lema ‘Os dereitos son de tod@s e para tod@s’ e reivindica os dereitos da infancia á igualdade, á identidade, á familia, á educación, ao xogo, á saúde, á expresión, á privacidade, á protección e á integración. Este ano a Consellería de Política Social celebra este día en torno ao mundo do deporte da man da Asociación Arela Iniciativa de Apoio á Infancia e da Federación Galega de Fútbol.

A imaxe da campaña amosa a dous nenos e unha nena nun campo de fútbol. É unha nena a que está no centro sostendo o balón co fin de esquecer os estereotipos que frecuentemente derivan en desigualdades no eido do deporte, do xogo e da vida. Os tres nenos representan diferentes razas nun mesmo equipo. O dereito á igualdade e o dereito ao xogo son os que se representan de xeito máis evidente, pero os nenos evocan outros máis como o dereito á protección, á saúde e á integración.

 

 

También te podría gustar...