Celanova-Xurés e Trevinca-Valdeorras candidatas a Destinos Turísticos Intelixentes
- A Deputación lidera as candidaturas dos xeodestinos Celanova-Xurés e Trevinca-Valdeorras para transformarse en Destinos Turísticos Intelixentes
- O goberno provincial asinou en cada candidatura un convenio para crear agrupacións de entidades locais e impulsar a través dos fondos NextGeneration a transformación dixital dos destinos, cuxas ferramentas se integrarían no proxecto de Destino Turístico Intelixente impulsado pola Deputación
- O presidente da Deputación e a xerente do Inorde, Emma González, repasaron os detalles de ambas candidaturas, que contan co respaldo unánime dos 23 concellos integrados nos xeodestinos, 14 en Celanova-Xurés e 9 en Trevinca-Valdeorras
- Manuel Baltar enmarca este novo paso dentro da “estratexia da Deputación, liderada polo Inorde, para potenciar os Destinos Turísticos Intelixentes na provincia, apoiados na alianza con Segittur asinada esta mesma semana”
A Deputación de Ourense lidera a través do Inorde a candidatura dos Xeodestinos Celanova- Xurés e Trevinca-Valdeorras á convocatoria de transformación en Destinos Turísticos Intelixentes, que aspira a captar fondos europeos de recuperación Next Generation.
En ambos casos, asinouse un convenio interinstitucional co respaldo de todos os concellos de cada xeodestino -14 no caso de Celanova-Xurés e 9 en Trevinca-Valdeorras- para a creación de agrupacións de entidades locais para impulsar a transformación dixital destes destinos, cuxas ferramentas se integrarían co proxecto Destino Turístico Intelixente (DTI) que está a levar a cabo a Deputación de Ourense como membro da Rede DTI.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial coa xerente do Inorde para valorar este novo paso, incrustado dentro da estratexia de desenvolvemento dos Destinos Turísticos Intelixentes en Ourense por parte da Deputación, entidade promotora deste modelo turístico na provincia tal e como certifica, e reforza, o convenio asinado esta semana no Pazo Provincial entre Manuel Baltar, e o presidente de Segittur, Enrique Martínez, a través do cal perfílase un desenvolvemento conxunto de accións de promoción e promoción da DTI na provincia.
Manuel Baltar destaca a importancia do deseño destas candidaturas: “Ten que ser a Deputación, e ten que ser o Inorde, o que lidere esta operación dentro do ámbito dos xeodestinos. Os concellos saben que o goberno provincial ten moi claro os obxectivos turísticos e o que precisan para desenvolver este traballo”.
O presidente da Deputación resalta o traballo liderado pola xerente do Inorde, Emma González, e destaca a importancia de desenvolver a estratexia de Destinos Turísticos Intelixentes, como “certificou a firma do convenio co presidente de Segittur, que atopou un aliado nas deputacións e concretamente na de Ourense. E os alcaldes e alcaldesas, xunto a todas as forzas vivas de cada municipio, saben que dende a Deputación defenderán ben os seus intereses, tendo en conta que analizamos todos os datos socioeconómicos de cada municipio.
“Esta é unha nova etapa para impulsar os Destinos Turísticos Intelixentes na provincia – valorou Manuel Baltar- coa garantía de que o faremos dun xeito áxil, eficiente e cooperador”.
A Deputación avanza no impulso destes dous xeodestinos facilitado porque o Inorde é o órgano de goberno de ambos. De captar os fondos, desenrolaríanse entre o ano 2022 e 2023, cunha inversión de aproximadamente 100.000 euros por plan.
Destino turístico Terra de Celanova – Serra do Xurés
O xeodestino Terra de Celanova-Serra do Xurés está integrado por un total de 14 concellos do suroeste da provincia de Ourense: A Bola, A Merca, Bande, Cartelle, Celanova, Entrimo, Gomesende, Lobeira, Lobios, Muíños, Padrenda , Quintela de Leirado, Ramirás e Verea.
O destino turístico Terra de Celanova-Serra do Xurés ten como obxectivo levar a cabo unha serie de actuacións que o aproximen aos piares nos que se sustenta un Destino Turístico Intelixente (DTI): innovación, tecnoloxía, sustentabilidade, accesibilidade e gobernanza. Todo isto dentro dunha estratexia que busca unha maior competitividade, así como a inclusión do destino nun proceso de mellora continua para converterse en DTI.
A competitividade deste destino caracterizarase polo uso intensivo das tecnoloxías nas áreas de maior interese, co fin de mellorar a xestión, ofrecendo novos servizos, tanto aos turistas como aos residentes, apostando por unha visión do aproveitamento dos recursos dunha forma eficiente e sostible.
Esta xestión da DTI basearase na gobernanza e xestión estratéxica dos espazos turísticos, apoiada no uso das tecnoloxías da información e da comunicación, ademais dunha estratexia de mercadotecnia e utilización do sistema de información xa presente nos atractivos turísticos, complementada e mellorada a través das propostas de este proxecto. Todo iso promovendo o turismo accesible, a innovación, a sustentabilidade e o medio ambiente.
O proxecto selecciona unha serie de actuacións que favorezan esta reconversión, sendo as máis adecuadas para un destino turístico rural e de interior. Estas actuacións buscan acadar a mellora da competitividade do destino turístico, o aumento da demanda turística e a mellora do impacto económico, ademais da xeración de vantaxes comparativas e competitivas.
Proponse un total de 11 actuacións. O primeiro grupo de actuacións busca favorecer o acceso dos turistas no seu lugar de orixe, para o que é fundamental deseñar e crear un espazo web claro, accesible, atractivo e intuitivo que aglutine a oferta turística de todo o territorio e ofrecer aos turistas unha visión completa e detallada do destino turístico antes da súa chegada. Tamén se inclúe neste grupo o deseño e desenvolvemento dun plan de mercadotecnia e promoción a curto, medio e longo prazo, con actuacións a realizar de xeito inmediato e a planificación doutras de maior envergadura e/ou a realizar no futuro, procurando así manter a competitividade do destino no tempo mediante unha estratexia adaptada á concepción do DTI.
O segundo grupo de actuacións céntrase na sinalización dixital e dixitalización de recursos, facilitando así a comunicación e o acceso aos recursos e servizos dos turistas. Para iso será preciso mapear e analizar o territorio e os seus recursos, buscando necesidades e potencialidades, mellorando o acceso aos recursos e puntos de interese mediante a sinalización intelixente.
Como terceira actuación proponse a creación dunha plataforma de intelixencia turística, é dicir, o estudo da información relacionada co turismo no destino para mellorar o seu desenvolvemento.
En canto á gobernanza pública e o seu acceso á tecnoloxía propóñense 3 actuacións, a partir dun plan de participación cidadá, incorporando así a opinión da poboación local a todo o proceso, un observatorio dixital da sustentabilidade turística, medindo así, grao de desenvolvemento turístico sostible e propoñendo medidas que melloren o dito valor, e o desenvolvemento de enquisas de satisfacción, que serán recollidas e analizadas por medios electrónicos e tecnolóxicos. Finalmente, como acción 11 e acción final, levaranse a cabo accións formativas de sensibilización e promoción da dixitalización.
Candidatura Trevinca-Valdeorras
Este proxecto denomínase «Transformación dixital do Xeodestino Trevinca-Valdeorras» sintetizado a través do título “Trevinca-Valdeorras Avanza”. O proxecto perfila a importancia da dixitalización, turismo sostible, conectividade, e un destino natural, cultural e histórico.
O proxecto está representado pola Deputación de Ourense, formando un grupo con nove concellos da comarca de Valdeorras, que integran o GDR 7 Valdeorras e o xeodestino turístico de Valdeorras-Trevinca: A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Larouco e Vilamartín de Valdeorras.
Estes nove concellos agrupan unha gran variedade de recursos turísticos, dende o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra as denominadas “covas” de almacenamento do viño, pasando polo santuario das Ermitas, o Centro Astronómico de Trevinca, o Teixedal de Casaio, o Camiño de Inverno ou a Ruta do Viño de Valdeorras.
Co fin de dar a coñecer estes recursos aos usuarios, mellorar a súa experiencia tanto en orixe como en destino e poder explotalos para o turismo dun xeito sostible e sen prexudicar o medio ambiente, tanto a Deputación de Ourense como estes nove concellos decidiron desenvolver un serie de actuacións que contribuirán a reforzar o posicionamento turístico do destino, contribuíndo ao seu axuste estacional e mellorando a xestión da información turística dispoñible.
O proxecto Avanza Trevinca-Valdeorras busca, explican dende o Inorde, abranguer todas as etapas da viaxe do turista, contribuíndo a crear un destino dixital, sostible e conectado, potenciando o seu coñecemento entre o público potencial e mellorando a súa experiencia.
As actuacións concretas incluídas no proxecto Trevinca-Valdeorras Avanza para acadar estes obxectivos son: o mapa turístico por Realidade Aumentada (RA), a creación de contidos multimedia, desenrolar unha interface de dixitalización de folletos, a sinalización dixital, web e aplicación web do destino, impulsar o marketing dixital e lanzar enquisas de satisfacción e motor estatístico.
A través destas actuacións, entre outras cousas, búscase promover o acceso dos turistas no seu lugar de orixe, crear contido multimedia de alta calidade, facilitar a xestión o impacto xerado polo turismo ou promover a gobernanza pública e o acceso á tecnoloxía.