Celanova será este verán o referente galego da música de vento-metal, co II Festival “Hércules Brass”
O II Festival “Hércules Brass” converterá este verán a Celanova no punto de encontro da música de vento de todos os estilos, con concertos, clases maxistrais, conferencias e diversas actividades formativas, que converterán á vila de San Rosendo entre do 4 ao 8 de agosto “no mellor escaparate da música de vento-metal dentro do panorama artístico galego”, segundo explicou hoxe na presentación do evento, que tivo lugar no Pazo Provincial, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, entidade que colabora co festival.
O acto contou tamén coa participación do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e do alcalde de Celanova, José Luis Ferro, que afirmaron que tralo éxito acadado na primeira edición, o segundo festival ten como obxectivo a consolidación do mesmo. “Consideramos que é unha aposta fascinante e esperamos que teña moi boa acollida e que en vindeiras edicións poidamos seguir nesta liña de innovación musical”, afirmou José Luis Ferro, quen lembrou o novo lema da vila de San Rosendo, “Celanova, un lugar para crear, un fogar para vivir”.
Anxo Lorenzo, pola súa banda, agradeceu a implicación da Deputación de Ourense co festival e sinaladamente coa cultura, e subliñou a importancia do Concello de Celanova, “referente en Galicia pola diversidade do traballo cultural e creativo que realiza”.
O programa inclúe ademais actividades de lecer relacionadas coa música e como novidade un taller de respiración, «O método das tres chaves», e as clases de música de cámara, onde o alumnado realizará un concerto. Haberá un total de 11 concertos, repartidos entre o claustro barroco do mosteiro e as prazas e rúas de Celanova, coa presenza de profesores e alumnos de España, Portugal, Bélxica e Francia, “onde teremos música para escoitar e tamén para ver”, explicou Rodrigo Rodríguez, coordinador do festival.
Como complemento das actividades programadas están previstas clases maxistrais de trompeta, trompa, trombón e tuba, coas que se ofrecen aos participantes pautas de carácter teórico e práctico que lles permitirán perfeccionar a súa técnica, ampliar o seu repertorio e responder aos interrogantes que se lles presenten no día a día, todas elas impartidas por profesionais de gran recoñecemento e cunha longa traxectoria musical acreditada a nivel nacional e internacional.
As clases maxistrais están abertas a todo tipo de público interesado en profundar nos coñecementos de calquera das especialidades ofertadas. Haberá un número máximo de 12 persoas activas por especialidade e sen límite de persoas oíntes. A selección do alumnado será por rigoroso ordene de inscrición co seu correspondente pago da matrícula.
A inscrición para alumnado activo permitirá participar nas sesións de técnica con todo o grupo, nas clases individuais cos profesores e nas clases de música de cámara como membro activo, coa posibilidade de tocar no concerto programado para o alumnado. No caso de alumnado oínte poderán participar nas sesións de técnica con todo o grupo e nas clases de música de cámara como membro activo e asistir as clases individuais e como oíntes coa posibilidade de tocar no concerto programado para o alumnado. E para o caso dos grupos de música de cámara poderán participar nas clases de música de cámara grupos xa constituídos, cun mínimo de dúas clases dunha hora e a posibilidade de tocar no concerto programado para o alumnado.
As persoas interesadas en participar nas clases maxistrais en calquera das especialidades deberán cubrir un formulario e pagar unhas taxas de matrícula. O alumnado menor de idade deberá entregar la autorización correspondente, cumprimentada e firmada pola nai, pai, ou titor e deberá presentala o primeiro día de curso. O prazo da inscrición remata o vindeiro 17 de xullo.