‘Cata el arte’, viño do Ribeiro e cultura no C.C. Marcos Valcárcel
Deputación de Ourense e CRDO Ribeiro presentan o ciclo «Cata el arte».
- O evento, que se desenvolverá no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» todos os xoves entre o 5 de novembro e o 10 de decembro, inclúe degustación de viños de cinco adegas e actividades culturais e musicais
Irnanar viño do Ribeiro e cultura é o obxectivo do ciclo «Cata el arte» que hoxe foi presentado no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» e que se desenvolverá neste espazo expositivo todos os xoves entre o 5 de novembro e o 10 de decembro, incluíndo degustación de viños de cinco adegas e actividades culturais e musicais. Este evento, que conta co apoio da Deputación de Ourense, pretende, segundo explicou o presidente do CRDO Ribeiro, Miguel Ángel Viso, «promocionar os viños do Ribeiro e xuntar a experiencia dun consumo moderado con actividades musicais, teatrais, de maxia e performance, todo elo no entorno do Centro Cultural «Marcos Valcárcel».
Xunto con Miguel Ángel Viso participaron na presentación do evento o director do Centro Cultural, Francisco González; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a directora de zona e coordinadora de Relacións Institucionais en Abanca, María José López Rubal, e o asesor de Cultural da Deputación, Aurelio Gómez Villar.
Francisco González destacou o éxito que tivo a primeira edición das catas e lembrou que todas as actividades culturais parelelas «corren a cargo de artistas ourensáns. Viño e cultura, irmanados co distintivo da calidade». Manuel Doval subliñou a importancia «que ten para Ourense o sector do viño, provincia que é única no ámbito vitivinícola que contar con catro denominacións de orixe, coas cales a Deputación de Ourense está a colaborar», e María José López Rubal amosou a satisfacción que para Abanca supón colaborar con esta iniciativa, «porque é apoiar a un sector estratéxico da economía ourensá, como é o sector vitivinícola, nesta orixinal e novidosa proposta que supón unilo á cultura».
As catas comezan mañá, 5 de novembro, e continuarán todos os xoves ata o 10 de decembro. Na xornada de mañá Adega Pousadoiro realizará unha dobre cata vertical dos viños Pousadoiro e Norte y Sur, acompañada da poesía do escritor Carlos Abeledo Maristany, do seu libro Lindos Abrollos. O vindeiro 12 de novembro terá lugar a cata de Bodegas Nairoa, que presentará os viños Alberte e Val de Nairoa coa maxia, ilusión e humor do Mago Deimi. O 19 de novembro será o momento da realización da cata musical de Ribeiros da man do director técnico do CRDO Ribeiro, Pablo Vidal, en compañía do dúo de guitarra e violín Ad Heyra Liti, e o último xoves de novembro, o 26, celebrarase a cata da Bodegas Cunqueiro cos seus viños Cuqueira, Máis de Cunqueiro e Cunqueiro III Milenium, coa representación da obra de microteatro Blanco y en Botella!, da man de Martín Vázquez e Jorge Gallardo.
O primeiro xoves de decembro será o intre de Bodega Alanís que presentará o seu viño Gran Alanís acompañado da danza contemporánea da Compañía TasPediante – D-OU-TRAS (Aula Danza universitaria de Ourense). E para rematar esta segunda edición, o broche final poñerao Adega Ramón do Casar coa cata vertical do seu viño plurivarietal Ramón do Casar en harmonía coa performance teatral Nexos de Baula Escena.