Cata e Poesía únense en Valdeorras
- Para poñer en valor ao autor das Letras Galegas
- A Ruta do Viño de Valdeorras, en colaboración con As Letras de Florencio, organiza este sábado 9 de abril unha cata de viños maridados con poemas de Florencio
«Ás retortas cepeiras, barroco motivo da verde sinfonía do meu val: Ao viño de Valdeorras, que é o millor do mundo». Así arranca Florencio o seu primeiro poemario, Bebedeira, publicado en 1934, e no que o mundo do viño ten moita presencia, ao igual que no resto da súa obra. Por iso é ben acaída a actividade que celebra este fin de semana a Ruta do Viño de Valdeorras cunha cata titulada Cando o viño foi a súa musa, e na que a sumiller Mercedes González comentará seis viños acompañada de Diana Rodríguez Ramos, quen recitará versos de Florencio.
O evento é no Complexo Hoteleiro Paladium, en Vilamartín de Valdeorras, onde ese día ofrecen un menú degustación inspirado tamén en Florencio para os que desexen continuar á xornada. A cata é na súa terraza, dende onde hai unhas fermosas vistas do val de Valdeorras que tanto protagonismo ten nas Cantarenas do poeta de Córgomo.
A cata ten un custe de dez euros e o menú desgustación, trinta. Para anotarse hai que dirixirse á Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras na súa web ou no teléfono 604 07 87 53.