Castrelo de Miño reparará e mellorará as estradas e camiños municipais
- Dado o deterioro das infraestruturas viarias
- O concello de Castrelo de Miño ven de aprobar unha modificación orzamentaria, na que se propuxo a utilización do remanente líquido de tesourería de 48 mil euros para acometer a reforma e mellora de varias estradas e camiños de propiedade municipal
- Trátase de dar solución a un problema que o grupo de goberno xa detectara na diagnose integral das infraestruturas e servizos no que está a traballar dende a súa toma de posesión, e que coincide coas opinións suxestións de veciñas e veciños de Castrelo
O concello de Castrelo de Miño ven de aprobar unha modificación orzamentaria, na que se propuxo a utilización do remanente líquido de tesourería de 48 mil euros para acometer a reforma e mellora de varias estradas e camiños de propiedade municipal. Hai que ter en conta que o orzamento do concello para o exercicio 2020 é o prorrogado do ano 2019, a súa vez prorrogado do 2018, o último aprobado polo pleno da entidade.
Trátase de dar solución a un problema que o grupo de goberno xa detectara na diagnose integral das infraestruturas e servizos no que está a traballar dende a súa toma de posesión, e que coincide coas opinións suxestións de veciñas e veciños de Castrelo. O sistema viario local, abandonado e moi deteriorado e fallo de calquera tipo de mantemento polos anteriores gobernos municipais, necesita dunha reparación urxente, que facilite as comunicacións e evite a posibilidade de accidentes ou contratempos para a veciñanza.
As actuacións primeiras, neste senso, principiarán polas estradas de Paradela ao Foxo, estrada de Vide a Cuqueira, estrada de Meizo a Ramiras, estrada de Prado ás Bouzas, estrada de O Toledo a Nogueiredo, estrada de Parada ás Bouzas, e a estrada de Vilela. Así mesmo, tamén se acometerán melloras no acceso ao pobo de Troncoso, no camiño da Picota en Prado, no acceso a Meizo, en Cortiñas e na estrada de A Costa a O Foxo.
O equipo de goberno é consciente do mal estado das vías, estradas e camiños do concello, así como o de algunhas instalacións e dependencias municipais, que necesitan de actuacións urxentes de adecentemento, arranxo ou renovación, dado a situación de abandono na que se atopan a maioría deles, para prestar servizos cómodos e satisfactorios aos nosos cidadás.
O equipo de goberno está a traballar arreo nos diferentes ámbitos dos servizos públicos de Castrelo de Miño, infraestruturas, cultura, deporte, política social, educación e sobre todo no eido económico, para dar solucións efectivas e reais á desfeita herdada de gobernos anteriores.