Cartel XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi: O Pintor Eduardo Pérez gañador do concurso
- EDUARDO PÉREZ BAAMONDE, GAÑADOR DO CONCURSO DO CARTEL ANUNCIADOR DA XLI FEIRA-MOSTRA DO VIÑO DE AMANDI
- O evento celebrarase previsiblemente os días 11 e 12 de agosto
Un xurado presidido por Humberto Loureiro elixiu entre 25 propostas recibidas o cartel que anunciará a XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi que se celebrará previsiblemente os días 11 e 12 de agosto. A data dependerá da evolución da pandemia e será consensuada coas bodegas da subzona de Amandi nunha reunión que se celebrará no prazo dun mes.
Para o concurso recibíronse carteis de diferentes puntos do Estado, como Canarias, Cataluña, o País Vasco, Baleares, Asturias, Castela-León ou A Rioxa, entre outras. O grupo máis numeroso chegou da propia Comunidade.
‘Filiberto Estroncio’
A proposta gañadora foi a titulada ‘Filiberto Estroncio’ da autoría de Eduardo Pérez Baamonde. Resultaron finalistas os traballos ‘Con moito mimo’ de Isabel Núñez Montero, de Pontevedra, que resultara gañadora no ano 2020; ‘Sabor y Color’ de Alfonso Giménez Ventura de Betxi (Castellón); ‘Amandi Vista Satélite’ de Maica Otero Cores, da Illa de Arousa; e ‘Camiños Rosados’ de Codés Lillo Irimia, de Lourenzá.
Eduardo Pérez Baamonde é natural de Vilalba e exerce como profesor de Debuxo no Ensino Medio. Amante do deseño gráfico e da pintura empeza a crear imaxes e a expoñer a principios dos oitenta. Nos últimos anos participa con asiduidade en diversos certames acadando varios premios e recoñecementos. Tamén destaca a súa actividade como ilustrador.
Premios
O gañador recibirá 600 euros, un diploma e un lote de viño de Amandi, e o seu cartel será a imaxe da XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi. Os finalistas recibirán tamén un diploma, un lote de viño de Amandi e os seus carteis estarán nun lugar destacado na exposición que se organice con todos os orixinais participantes no concurso.
O cartel gañador farase público cando se presente a programación do ‘Mes do Amandi’, as actividades previas á XLI Feira do Viño de Amandi.