‘Capacitación de Supermercado’ formou 15 persoas en Vilamartín para poder traballar en supermercados
- Unha quincena de participantes na Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020 rematan un curso en Vilamartín de Valdeorras para poder traballar en supermercados
- Recibiron un total de 100 horas de formación que os capacita para desenvolver distintas ocupacións neses centros comerciais
Un grupo de 15 persoas, que participan na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, cofinanciada polo Fondo Social Europeo e pola Xunta de Galicia, remataron hoxe o curso “Capacitación de Supermercado”, desenvolvido no Concello de Vilamartín de Valdeorras dende o pasado 3 de outubro.
Esa formación, organizada polo equipo de Inclusión Socio-Laboral de A Rúa do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, tivo unha duración total de 100 horas. A finalidade do curso era que os asistentes adquirisen os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para poder desenvolver diferentes ocupacións nas áreas dun supermercado: carnicería, peixaría e chacinería.
Estas accións formativas están incluídas nos Itinerarios de Inserción Socio-laboral que os equipos de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar deseñan para as persoas -en situación de risco e vulnerabilidade- que participan na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020.