Campaña «Ourense composta» 2015-2016: 396 composteiros a veciños da provincia

  • «Ourense composta» 2015-2016 entregou 396 composteiros a veciños da provincia
  • A campaña que comezou o pasado 16 de xaneiro, organizada pola Deputación de Ourense en colaboración con Sogama, rematou onte no Centro Cultural «Marcos Valcárcel»
Javier Domínguez, Pablo Pérez, Mayra Moure, Javier Bobe, Rosendo Fernández e Miguel Reza

Javier Domínguez, Pablo Pérez, Mayra Moure, Javier Bobe, Rosendo Fernández e Miguel Reza

 

A campaña «Ourense Composta» 2015-2016, organizada pola Deputación de Ourense en colaboración con Sogama, entregou 396 composteiros a veciños de 36 dos 50 concellos aos que o goberno provincial presta o servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos. Esta iniciativa medioambiental rematou onte no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez; o presidente de Sogama, Javier Domínguez; e a técnico de Ancaria, Mayra Moure.

Rosendo Fernández dixo «chegamos á clausura da campaña «Ourense Composta», que tivo como obxectivo a divulgación e sensibilización da poboación sobre a separación e sensibilización da materia orgánica para reducir a bolsa negra».

A Deputación de Ourense leva desde o ano 2010 a desenvolver campañas de compostaxe doméstica nos concellos aos que presta o servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos e, desde 2013, faino en colaboración con Sogama, «polo que a palabra «cooperación» faise notar unha vez máis para a xestión e o logro dos obxectivos», sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

A campaña 2015-2016, que foi dirixida aos cidadáns dos 50 municipios aos que a Deputación presta o servizo de recollida de RSU, contou coa participación de 396 veciños aos que se lle facilitaron os medios materiais para a realización de compost, así como a formación e asesoramento na materia mediante técnicos especialistas.

Esta actuación medioambiental desenvolveuse a través de nove puntos estratéxicos da provincia: Bande, O Carballiño, Castro Caldelas, A Peroxa, Ribadavia, A Rúa, San Cibrao das Viñas, Viana do Bolo e Xinzo de Limia, nos cales se levaron a cabo accións informativas con carpas que prestaban información á xente; accións formativas a través de charlas, e reparto de materiais, en concreto dos 396 composteiros casa por casa, e asesoramento con mesas redondas e visitas a cada casa, aos 3 meses do reparto inicial de composteiro. Finalmente, analizáronse diferentes mostras de compost que arroxaron datos moi positivos.

Mayra Moure destacou que «o 90% dos composteiros que entregamos funcionan sen problema, o que demostra os bos resultados da campaña, e a importancia de continuar realizando este tipo de accións». Asemade, a técnico de Ancaria asegurou que en total «foron entregados máis de 2.500 composteiros desde o ano 2010, o cal supón unha redución diaria de 5.000 quilos de residuos».

Entre as conclusións ás que chegaron, Mayra Moure sinalou que a campaña «rexistrou elevados índices de eficacia e demóstrase que co tempo se vai mellorando xa que, os participantes teñen cada vez máis información».

En canto as vantaxes que presenta a compostaxe doméstica para os concellos atópanse as de tipo ambiental, pola redución do volume de residuos e de uso de fertilizantes químicos; as económicas, grazas á obtención dun fertilizante orgánico de calidade e gratuíto e a redución da factura do lixo; e as sociais, porque se recupera a práctica tradicional da compostaxe e promove a educación ambiental dos cidadáns.

Durante o acto final de «Ourense Composta», proxectouse un vídeo resumo que mostrou as distintas fases da campaña orientada a fomentar a reciclaxe doméstica entre os veciños da provincia. «A maioría dos participantes están satisfeitos con esta campaña e, ao seu xuízo, a redución de residuos derivada do uso do composteiro é o beneficio máis importante, xunto coa obtención dun compós natural e de calidade», afirmou Mayra Moure.

Pablo Pérez adiantou que na vindeira campaña provincial 2016-2017, «a diferenza das anteriores, destinarase a calquera concello da provincia de Ourense con menos de 20.000 habitantes».

Pola súa banda, o presidente de Sogama dixo «dados os excelentes resultados, o noso obxectivo é continuar a traballar na mesma liña para que cada vez sexan máis os concellos participantes».

También te podría gustar...