Campaña de vacinación antigripal 2016, preto de 1.900.000 euros para 530.000 doses e se iniciará o 24 de outubro

  • A Consellería de Sanidade iniciará o vindeiro día 24 de outubro a campaña de vacinación antigripal 2016 con 530.000 doses
  • Poderán vacinarse ata o día 23 de decembro todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco
  • Máis de 1.700 galegos ingresaron na pasada tempada de gripe, moitos na UCI e a maioría non vacinados
  • Diminuír o número e gravidade das complicación derivadas da gripe é o obxectivo xeral da campaña
  • Con respecto dos resultados de vacinación na campaña 2014, administráronse un total de 485.593 doses antigripais

 

Imaxe campaña 2015

Imaxe campaña 2015

A Consellería de Sanidade destinou un orzamento total de 1.897.688 euros para a adquisición de 530.000 doses de vacinas antigripais para esta campaña 2016. Este investimento faise coordinado co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade a través do acordo marco para a adquisición de vacinas xunto con outras comunidades autónomas, consolidándose así o aforro nos custos.

O director xeral de Saúde Pública en funcións, Andrés Paz-Ares, encargado da presentación da campaña -baixo o lema Recorda, para a gripe temos vacina- anunciou que a súa duración será de nove semanas de xeito continuado, entre o 24 de outubro e o 23 de decembro. Tamén destacou especialmente o dato que inclúe o cartel informativo deste ano de que “no pasado inverno máis de 1.700 galegos ingresaron na pasada tempada de gripe, moitos en coidados intensivos, a maioría non vacinados”.

Neste senso, lembrou que o principal obxectivo da campaña é minimizar o impacto en saúde da gripe na poboación galega mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. A vacina da gripe ten un importante beneficio en canto que reduce a incidencia desta enfermidade pero moi especialmente diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e, así mesmo, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores, con ou sen condicións médicas de risco, e noutras persoas con patoloxías previas.

Entre os obxectivos específicos están acadar unha cobertura do 65% na poboación de 65 ou máis anos, e unha cobertura do 65% no colectivo dos sanitarios.

Organización da campaña 2016

Do total de doses 530.000 doses, 290.000 corresponden á vacina antigripal convencional que pode ser utilizada a calquera idade a partir dos 6 meses de vida, e 240.000 doses de vacina intradérmica utilizada nas persoas ingresadas en residencias da terceira idade e no resto de persoas maiores de 75 anos.
Galicia conta cuns 900 puntos de vacinación, entre os que se atopan centros de saúde e consultorios; centros hospitalarios públicos; os hospitais, centros médicos e consultas médicas privados; residencias e centros para a terceira idade de titularidade pública ou privada; unidades asistenciais de drogodependencias; centros penitenciarios; e centros de atención a discapacitados.

Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de como e onde solicitar a cita. A poboación diana indicada para a son todas as persoas con maior risco de padecemento da enfermidade e as súas complicacións: persoas de 60 ou máis anos e persoas menores de esa idade pertencentes aos grupos de risco (persoas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endocrinas… persoas con cancro ou outras inmunodeficiencias, persoas con obesidade mórbida, persoas con disfunción cognitiva…); tamén a persoas con posibilidade de transmisión a grupos de risco, entre os que se atopa o persoal sanitario, e traballadores esenciais para a comunidade.

Ademais da divulgación de información nos medios de comunicación e dos carteis divulgativos da campaña que se distribuirán nos puntos de vacinación, existe unha web temática da gripe http://gripe.sergas.gal, que funciona como portal de información para a sociedade xeral e para os profesionais sanitarios con información técnica, de xestión e de evolución da campaña.

Así mesmo, continúa en marcha o programa de promoción da vacinación na poboación mediante chamada activa por parte dos profesionais de enfermería de Atención Primaria e amplíase á poboación entre 65 e 74 anos (a campaña anterior foi entre 65 e 70 anos).

Datos da campaña do pasado ano

Por último, no que atinxe aos resultados de vacinación na campaña do pasado ano, nela administráronse un total de 485.593 doses antigripais, o que supón 22.000 dose máis que na campaña de 2014.

Nas persoas de 65 ou máis anos a cobertura foi do 54,06%, polo que se consolida, e cun aumento máis pronunciado, a mellora na cobertura vacinal antigripal iniciada no ano 2013. Por grupos de idade, as coberturas son máis elevadas nas persoas de 75 ou máis anos, achegándose ao obxectivo do 65% e incluso superándoo nas provincias de Lugo e Ourense. A actividade proactiva promovida polo Sergas nas persoas de 65-70 anos tamén contribuíu á mellora nas coberturas neste grupo de idade. Das 3.028 chamadas realizadas o 91% tiveron éxito e as persoas acudiron ao seu centro a vacinarse.

No grupo de persoas de 60 a 64 anos a cobertura foi do 21,37%; superando en máis de 1 punto ao dato da campaña pasada.

A porcentaxe de traballadores sanitarios vacinados da un grande empurrón nesta tempada, quedando preto do obxectivo da campaña en Atención Primaria, onde se pasa dunha cobertura do 25,27% o ano pasado ao 33,87% deste. Hai que facer especial mención na cobertura acadada polo persoal de enfermaría de primaria que acadou o obxectivo establecido. En Atención Hospitalaria a cobertura sobe algo máis de 4 puntos, cubrindo ao 19,34% dos profesionais.

También te podría gustar...