Campaña de normalización do galego no Sur de Lugo
A Mesa Pola Normalización Lingüística presenta unha campaña que impulsa a súa delegación de Lemos para a normalización do galego con adhesivos que incorporan fraseoloxía galega adaptada a usuarios e usuarias de pediatría.
A iniciativa desta acción parte da MESA Lemos, delegación territorial da Mesa Pola Normalización Lingüística, entidade asociativa que defende a lingua galega, o seu uso público e os dereitos lingüísticos dos galegofalantes.
Segundo comentan dende este colectivo de Lemos a idea tivérona hai uns anos. Falando como pais coincidían en que as e os pediatras entregábanlles aos seus fillos e fillas uns adhesivos con mensaxes de ánimo ao rematar a consulta, pero claro sempre en castelán. E foi aquí cando pensaron que se tiveran a opción de ter autocolantes en galego en pediatría poderían agasallar á cativada con creacións orixinais na nosa lingua.
A partir de aquí, e para darlle forma a esta idea, fixeron unha posta en común para buscar frases galegas que fosen o máis populares posible e con mensaxes adaptables a un público infantil. Conseguidas unhas cantas frases, o paso seguinte sería contactar con deseñadores/as, ilustradores/as e debuxantes en xeral para propoñerlles que plasmaran cada frase nun deseño gráfico.
Xosé Manuel Fernández, responsable da Mesa Lemos, conseguiu contactar e animar a doce creadores do sur de Lugo para realizar este encargo e de forma altruísta coa finalidade de fomentar o uso do galego entre as cativas e os cativos.
Dende a idea orixinaria ata o momento actual, xa co traballo de elaboración dos adhesivos rematado, deberon transcorrer uns 2-3 anos, coa pandemia polo medio. Nese tempo rematáronse 15 deseños, que ilustraron outras tantas frases, e no traballo participaron doce ilustradores/as que foron: Noelia Rodríguez Fierro, Manuel García Losada, Elena Patiño (Amanita Studio), Belén Maseda (Deikí), Humberto Loureiro, Borja Doel, Cristina Ouro, Estefanía Padullés, Daniel García e Iria Iglesias (Estudio Gnomo), Sonia Álvarez Carnero e Xosé Manuel Fernández.
Nos adhesivos rematados podemos atopar, entre outras, frases como: “Son Supervalente”, “Tuse para alá”, “Como unha campioa”, “Como un reloxo”, “Dura coma un croio” ou “Forte coma un buxo”.
PRESENTACIÓN
Esta campaña presentarase oficialmente ao público o vindeiro venres 7 de outubro no salón de actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra (Rúa do Comercio, 6) ás 20:00 h.
Intervirán no acto o Presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, o responsable da delegación en Lemos, Xosé Manuel Fernández, e quizais tamén algún e/ou algunha das creadoras.
No acto, comentarase principalmente como xermolou esta iniciativa, coñeceranse os deseños realizados e falarase do seu desenvolvemento, que consistirá en repartir láminas de adhesivos nos servizos de pediatría dos ambulatorios do sur de Lugo. Pero tamén haberá oportunidade para que Marcos Maceira faga a súa valoración deste proxecto e a posibilidade de trasladar a campaña a nivel de Galicia.