Campamento «Amencer», un clásico dos veráns ourensáns

  • O campamento urbano «Amencer», un clásico dos veráns ourensáns
  • A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que do día 1 ao 11 de agosto, ofrecerá actividades vencelladas á natureza, ó deporte e á cultura na provincia, a rapaces e rapazas de 8 a 16 anos

A 29ª edición do campamento urbano «Amencer» celebrarase do 1 ao 11 de agosto, con actividades vencelladas á natureza, ó deporte e á cultura na provincia, dirixidas a nenos e nenas de 8 a 16 anos, que poderán participar de maneira libre e gratuíta. A presentación desta iniciativa tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o coordinador da asociación «Amencer», Manuel Seguín; e os coordinadores do campamento urbano «Amencer», Adrián Rodríguez e Iago Acevedo.

Iago Acevedo, Manuel Seguín, Rosendo Fernández e Adrián Rodríguez

Iago Acevedo, Manuel Seguín, Rosendo Fernández e Adrián Rodríguez

 

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que «xa é un clásico dos veráns ourensáns, e ofrece unha oportunidade de ocio a moitos rapaces e rapazas que ao mellor, non poden gozar de ningún outro campamento», destacou Rosendo Fernández.

O campamento urbano «Amencer» é unha actividade libre e gratuíta que nesta edición, baixo o lema Coa cidade somos mais, «mantén unha programación moi similar a anos anteriores, con diferentes actividades segundo a idade dos nenos participantes pero, que manteñen a mesma temática», explicou Adrián Rodríguez. Así dentro do programa previsto para eses días, haberá días dedicados «ao deporte; á cultura, con visitas a instalacións onde se realizan diferentes expresións artísticas; á natureza, con saídas a distintos concellos da provincia; así como, unha xuntanza cos compañeiros de Vigo na praia do Vao», asegurou o coordinador do campamento.

Asemade as actividades programadas pola tarde, realizaranse nas instalacións da asociación «Amencer» e, os maiores de 15 anos, poderán gozar polas noites de concursos musicais, xogos, unha andaina solidaria, ou unha saída ás termas, entre outras actividades.

Os interesados en participar poderán inscribirse na asociación «Amencer», tendo de prazo ata o último día do campamento, o 11 de agosto. Xa «hai máis de 300 inscritos, e 100 voluntarios», dixo Manuel Seguín.

O ano pasado, esta iniciativa cultural contou «coa participación de 653 rapaces inscritos, que xunto aos voluntarios e persoas que colaboraron nas visitas e outras actividades, foron máis de 1.000 persoas as que participaron», asegurou o coordinador da asociación Amencer.

«O 61% dos rapaces inscritos, non participaron en outros campamentos. Ademais, asisten nenos de todos os concellos da provincia, de 62 colexios en total. Trátase dun campamento cunhas valoracións moi positivas que nos animan a seguir celebrándoo», salientou Manuel Seguín.

También te podría gustar...