Camiño de Inverno: entrada en vigor da Lei do patrimonio cultural que o oficializa
- A Xunta celebra a entrada en vigor da Lei do patrimonio cultural, que oficializa o Camiño de Inverno
- O conselleiro de Cultura e Educación e a directora de Turismo de Galicia participaron en Rodeiro na descuberta dunha placa de agradecemento ás asociacións que fixeron posible o recoñecemento desta ruta de peregrinación
- Román Rodríguez destacou que se trata do único camiño que atravesa as catro provincias galegas, con especial relevancia na comarca de Valdeorras e Deza
- Nava Castro salientou que con este recoñecemento oficial aténdese unha vella reivindicación dos colectivos relacionados con esta ruta xacobea
A Xunta de Galicia celebrou hoxe en Rodeiro o recoñecemento do Camiño de Inverno como nova ruta de peregrinación a Santiago de Compostela co gallo da entrada en vigor este mesmo martes da nova Lei do patrimonio cultural de Galicia. No acto, celebrado nas inmediacións do monte Faro en Rodeiro, participou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; alcaldes e representantes dos concellos polos que discorre esta ruta, así como diversas asociacións de amigos dos Camiños de Santiago, entre outras autoridades e entidades. Todos os asistentes realizaron un tramo da ruta, onde se descubriu unha placa en lembranza deste fito.
Neste sentido, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia agradeceu o traballo e implicación das persoas, colectivos e entidades que fixeron posible esta oficialización, posto que axuda a que siga crecendo a historia do Camiño e do patrimonio cultural galego. Román Rodríguez destacou que o Camiño de Inverno é singular porque se trata do único que atravesa as catro provincias galegas e ten unha especial relevancia nas comarcas de Valdeorras e de Deza, dado que transcorre por gran parte dos seus concellos, como é o caso de Rodeiro.
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia salientou que coa aprobación da dita Lei, coa cal tamén queda recoñecido oficialmente o Camiño Portugués pola Costa, aténdese unha vella reivindicación dos colectivos relacionados con estas rutas xacobeas. Nava Castro sinalou que esta nova normativa legal permitirá o mantemento dos valores esenciais do Camiño de Santiago e a posta en valor do patrimonio cultural asociado ás Rutas Xacobeas.
Unha lei para dar solucións ás persoas
Cómpre lembrar que o recoñecemento do Camiño de Inverno é unha das novidades que presenta a Lei do patrimonio cultural, unha normativa que, en palabras de Román Rodríguez, “ademais de salvagardar os bens patrimoniais, foi feita para dar solucións ás persoas, en colaboración cos concellos”. Deste xeito, é preciso destacar que, con esta nova norma, garántese a máxima protección do patrimonio sobranceiro de Galicia, á vez que se axilizan e facilitan os trámites administrativos.
O Camiño de Inverno
Trátase dunha ruta que comeza en Ponferrada e segue a canle natural que marca o río Sil. Cun trazado de 210 quilómetros que discorren polas catro provincias galegas, tras abandonar o Bierzo fai a súa entrada pola comarca de Valdeorras, para despois seguir por Monforte e enlazar coa comarca de Deza, continuando pola Estrada ata chegar a Compostela. En total, percorre preto dunha vintena de concellos galegos.