Camiño de Futuro: exitosa primeira etapa en Valdeorras

  • Igape, Gain, Xera e Agader explican as liñas de axuda e presentan novas convocatorias vencelladas coa innovación e a dixitalización
  • A presidenta da CEO pechou o acto salientando a ‘necesidade de colaborar máis ca nunca para estar a carón das empresas neste contexto tan complicado’

 

A casa grande Viloira no Barco de Valdeorras acolleu onte a presentación do mapa de axudas da Xunta de Galicia coa asistencia de numerosas entidades e representantes da administración que acudiron para ofrecer unha explicación pormenorizada deste mapa de apoios, ademais da presenza do alcalde da vila, Alfredo García, o delegado da Xunta na provincia, Gabriel Alén e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa, que foi a encargada de pechar o acto.

Na apertura do evento, Alfredo García, alcalde do concello de O Barco, agradeceu a celebración deste encontro e destacou a necesidade na comarca de  ‘manter o emprego e xerar tamén emprego no rural para ter as condicións de poder vivir do territorio nunha zona que ten falta de asentamento poboacional e a necesidade de instalar empresas na comarca, máis preto da península que ningunha outra’.  Pola súa parte, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Carmen González, apostou pola necesidade de ‘crear un rural dinámico no que teñamos servizos e que permita emprender e vivir en Valdeorras’.

Gabriel Alén salientou que Camiño de Futuro é continuación do Camiño da Innovación que o ano pasado percorreu pemes de 18 localidades galegas para asesorar a máis de 240 pemes e lembrou que a mensaxe é que ‘o tamaño, a localización ou o sector non poden ser unha barreira para a innovación e esta non é só cousa das grandes empresas da automocion ou téxtiles que todos coñecemos; a innovación e a mellora continua está ao alcance de todos’.

Esta é a primeira das paradas do Camiño de Futuro, un acto no que a Xunta da a coñecer o mapa de apoios para 2022 destinados a pemes e autónomos e que congregou no Barco a máis de medio centenar de empresarios, empresarias, persoas emprendedoras, e representantes de entidades empresariais da contorna como Aeva, Acoval ou o Clúster da Pizarra. Este Camiño de Futuro, iniciativa da Xunta de Galicia que dá continuidade a Camiño da Innovación, ten como obxectivo, ademais de dar a coñecer estes apoios, promover a súa utilización para fomentar a modernización do tecido produtivo, mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento, así como impulsar a innovación, internacionalización e sustentabilidade entre as máis afastadas dos núcleos urbanos.

Así, representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain), de Agader e dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) explicaron todas as posibilidades para as empresas da contorna de acceder a apoios vinculados coa innovación, o emprendemento, a dixitalización, internacionalización, sustentabilidade, produtos e procesos agrícolas e sectores como apicultura, silvicultura, e mesmo actividades non agrarias no rural, entre outras. Un completo abano de apoios e axudas para o tecido empresarial.

No final do acto, o peche correu a cargo de Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, entidade co-organizadora do evento. Na súa intervención, Novoa aproveitou para lembrar que na comarca valdeorresa a CEO ven de poñer en marcha a oficina de Conecta Ourense, ‘un proxecto que ten como principal obxectivo detectar o potencial das empresas desta zona de maneira que podamos orientalas no seu camiño cara á innovación, a internacionalización e a sustentabilidade, características irrenunciables das empresas deste século para afrontar con éxito os escenarios tan complicados que estamos a atravesar e poder así consolidar a súa competitividade’. A presidenta da CEO insistiu en que ‘en este contexto tan incerto e complexo é cando máis debemos estar a carón das empresas, cada organismo, administración ou entidade que aquí estamos na súa parcela de competencias e ao máximo das súas posibilidades, facilitando as condicións idóneas para que podan seguir desempeñando a súa actividade’.

 
Apoios para 2022 e experiencias de éxito de empresas

A presentación dos apoios correu a cargo dos representantes dos organismos da Xunta presentes, e a súa utilidade foi contrastada posteriormente coa exposición de casos de pemes que acadaron os obxectivos de innovación e mellora nos seus proxectos empresariais como Samaca, Regalsa facility service e Meraki Cakes & Food.

O Igape presentou as axudas ao emprendemento no ámbito rural, a través de Galicia Emprende. Para fomentar a competitividade teñen abertas varias liñas como a de dixitalización da industria 4.0, e obradoiros de dixitalización, e o programa Reacciona para pemes e autónomos con máis de 3 efectivos. Ademais abren unha nova liña para proxectos que desenvolvan a economía circular. Por outra banda, a través de financiamento presentaron a liña Galicia Inviste e os convenios coas sociedades de garantía recíproca, préstamos directos do Igape e a liña IFI Innova, son investimentos mobilizados para autónomos e pemes no sector industrial. E para fomentar a internacionalización, ábrese novamente a liña Galicia Exporta DixitalGalicia para empresas exportadoras, para proxectos individuais ou colectivos.

A Axencia Galega de Innovación, Gain, presentou tamén novas liñas de axudas como Programa Investigo e Talento Senior, para contratar investigadores e tecnólogos ata 30 anos para a realización de actividades de I+D+i, por empresas e organismos de investigación con centro de traballo en Galicia, no primeiro caso; e axudas axudas para a contratación de persoal de alta cualificación, por un período mínimo de tres anos, con máis de 5 anos de experiencia profesional para desenvolver a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i en Galicia, na segunda tipoloxía. Gain tamén favorece outros apoios como axudas ás etapas de pre e pos doutoramento para incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor. Para iniciativas de emprendemento innovador Gain pon a disposición o apoio a proxectos excelentes Neotec, e no ámbito da innovación empresarial presentou as liñas Innova Pema, Bonos de innovación, Deseña Peme e Re-acciona Innovación, que van desde a mellora da capacidade innovadora de microempresas e pemes, ata a contratación de servizos externos que faciliten actividades de innovación, a incorporación do deseño no desenvolvemento de produtos e servizos, e servizos avanzados a empresas para a mellora da súa competitividade a través da innovación no caso de Re-acciona Innovación.

 

Os representantes de Agader, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, explicaron as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, para accións silvícolas, creación de empresas para persoas agricultoras mozas, a mellora da sustentabilidade, competitividade e resiliencia do sector agroalimentario desde o punto de vista económico, medioambiental e social; o fomento de actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, para actividades non agrícolas en zonas rurais, e para a implantación de proxectos piloto para o desenvolvemento de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal.

 

A Axencia Galega da Industria Forestal tamén participou neste acto e presentou as liñas de axuda para este sector, como as Xera-Tecno, liás de apoio á explotación forestal e primeira transformación nas pemes desta industria, así como á valorización da segunda transformación. A liña Xera-Savia vai encamiñada á mellora da formación e coñecemento da industria forestal por parte de asociacións sectoriais e colexios profesionais. Utilizamadeira é unha liña de fomento da demanda de produtos forestais dirixidas a pemes, particulares e entidades sen ánimo de lucro; Xera-Ecoinnova e Xera-Dixital son novas liñas para fomentar proxectos de dixitalización e de ecodeseño de produtos e solucións de economía circular para pemes que utilicen madeira e melloren a pegada ambiental.

También te podría gustar...