Bolechas e termalismo

  • A Deputación edita o primeiro libro dos Bolechas dedicado ao termalismo da provincia de Ourense
  • 400 escolares de Educación Infantil participaron no acto de presentación e nas actividades de lecer coa presenza dos Bolechas, celebrados esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”
  • Na publicación, os protagonistas fan un repaso das súas experiencias nos diferentes establecementos e zonas termais da provincia, destacando os beneficios das augas mineiro-medicinais
  • Manuel Baltar dixo que o obxectivo “é promocionar a nosa riqueza termal a través dun vehículo de comunicación infantil tan potente como Os Bolechas, que falan a nosa lingua e conectan con ese sentimento a prol da nosa terra”

Manuel Baltar, entregando o libro dos Bolechas, no acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel

 

Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense acolleu esta mañá a presentación do primeiro libro que os personaxes infantís galegos «Os Bolechas» dedican ao termalismo da provincia de Ourense, unha publicación editada pola Deputación e que ten como obxectivo «promocionar a nosa riqueza termal a través dun vehículo de comunicación infantil tan potente como Os Bolechas, que falan a nosa lingua e conectan con ese sentimento a prol da nosa terra», dixo o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, no acto de presentación, diante duns 400 alumnos de Educación Infantil dos colexios Maristas, Padre Feijóo-Zorelle e CEIP Vistahermosa, que asistiron ao evento e aos obradoiros e actividades de lecer organizadas coa presenza dos Bolechas.

No libro, titulado Os Bolechas van aos balnearios de Ourense, os protagonistas fan un repaso das súas experiencias nos diferentes establecementos e zonas termais que percorren na provincia, destacando os beneficios das augas mineiro-medicinais ourensás. Manuel Baltar agradeceu a súa participación aos colexios, nenos e profesores, «que teñen moito que ver co éxito desta iniciativa», e á editorial Bolanda, «por facer deste espazo expositivo de Ourense un lugar feliz, rodeados dos ourensáns máis novos». Asemade, aos personaxes dos Bolechas Baltar agradeceu que hoxe se achegaran a Ourense, e ao editor e produtor dos Bolechas, Antonio Couto, «a sensibilidade e a gran profesionalidade no traballo que leva a cabo o seu equipo para facer realidade a maxia infantil personificada nun personaxes tan queridos polos nenos e nenas de Ourense e de Galicia».

O argumento do libro achega aos máis cativos, dun xeito visual e entretido, os beneficios das augas dos balnearios da provincia, por medio dunha viaxe que Os Bolechas fan no tren turístico das termas de Ourense, «que ten como matrícula «OU 7273″, a cal fai referencia aos quilómetros cadrados da nosa provincia, a provincia termal de Europa, polo que os rapaces levan para súa casa un libro que promociona o noso termalismo e que espertará neles esa ansia por coñecer o máis próximo do seu entorno», sinalou Baltar.

Antonio Couto dixo que o libro «ten un dobre obxectivo: entreter e formar. E, neste caso, Os Bolechas visitan os balnearios de Ourense e aprenden que se fai nestes establecementos e zonas termais e as propiedades das augas». A publicación está dirixida a nenos e nenas na franxa de idade dos Bolechas, «nenos que comezan a ler e ata os oito anos, para que coñezan o gran patrimonio termal da provincia de Ourense», engadiu Antonio Couto.

Precisamente, hai uns días, o presidente da Deputación anunciou como un dos acordos do Comité de cooperación permanente Deputación-Concello de Ourense a construción do «Museo dos Bolechas», «relacionado coa infancia e coa protección e promoción da nosa lingua, unha instalación que será un punto de atracción para Galicia e tamén para o Norte de Portugal, país onde estes personaxes infantís están a acadar tamén un grande éxito», explicou Manuel Baltar. Para a musealización deste espazo a Deputación de Ourense destina nos orzamentos de 2017 unha cantidade de 200.000 euros, «museo que constituirá un referente interactivo, innovador e novidoso para promover a lingua galega entre os máis novos», expresou Baltar.

También te podría gustar...