Bodegas Loeda, unha vendima condicionada por unha choiva moi necesaria
Esta adega da D.O. Ribeiro alcanzou os 182.000 quilos de uva vendimados, uns 40.000 máis que o pasado ano, tras demorar algo a vendima para mellorar a calidade.
A adquisición dunha viña no corazón do Ribeiro, de aproximadamente unha hectárea e unha produción de gran calidade, fixo posible este aumento na colleita.
Alfredo, xerente da adega, fálanos tamén da boa relación que ten cos provedores, viticultores locais que nunca lle fallan.
Persoal de Bodegas Loeda, S.L. cóntanos que remataron a vendima o pasado 24 de setembro e que entraron nos depósitos uns 182.000 quilos de uva, uns 40.000 máis aproximadamente. Este aumento vén dado principalmente pola adquisición dunha nova viña que produciu uvas para a elaboración dun novo viño que formará parte do catálogo da adega.
Segundo nos contan tamén, este ano demoraron algo a vendima para mellorar a calidade e saíulles ben porque as uvas aumentaron un pouquiño e melloraron o grao coas choivas de principios de setembro.
A produción anual de Bodegas Loeda, S.L. obtense de vendimar viñas propias e de mercar uva a provedores locais. Viticultores pequenos, de produción limitada, de moi boa calidade e controlada pola D.O. Ribeiro. “Ano tras ano comprométense a seguir vendéndonos as uvas e nós tampouco lles fallamos”, di Alfredo, xerente da adega, ao tempo que engade “mantemos os mesmos provedores dende hai uns 20 anos, a relación é moi boa”.
COMO VAN AS VENDAS?
Respecto da comercialización das diferentes marcas da adega, e en especial do Catro Parroquias, trasládannos que “este verán foi a máis e reflectiuse nas vendas”. A venda do Catro Parroquias incrementouse moito e están vendo que a marca está xa consolidada, é coñecida e gusta moito.
A medida que foi avanzando este 2022, e particularmente no verán, os datos de comercialización que manexan están indo moi ben, obtendo incluso máis vendas que antes da pandemia.