Bicis nas rúas
- As bicicletas encherán as rúas da capital ourensá
- Con motivo da celebración do 32º «Día da Bici» que terá lugar o vindeiro domingo, 16 de outubro
As bicicletas encherán as rúas da capital ourensá o vindeiro domingo, 16 de outubro, con motivo da celebración do 32º «Día de Bici». Baixo o lema «La bici te da vida, ¡úsala!», este tradicional evento deportivo reunirá, un ano máis, a miles de ciclistas. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar onte no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede, o presidente da Fundación «Ado Moure», Carlos Moure, e representantes de «La Región», Pepe Alfaro e Moncho Novoa.
Esta proba deportiva de carácter non competitivo é «un referente na provincia de Ourense, así o demostra a súa continuidade no tempo, que este ano chega a súa 32ª edición», sinalou o deputado provincial de Deportes. «Trátase dunha festa familiar que desde o ano 1984, se ven celebrando de maneira ininterrompida, converténdose nunha das probas deportivas máis importantes de Ourense», engadiu Juan Anta.
Pola súa parte, Carlos Moure destacou a importancia que ten este evento posto que «a nivel español, só hai un «Día da Bici» en Madrid». Asemade lembrou que esta iniciativa naceu coa vocación de «concienciar á xente no uso da bicicleta, e cos anos, cada vez se practica máis este deporte, mostra disto é que actualmente hai máis bicicletas ca balóns nos fogares españois». Outro do obxectivos desta celebración é «sensibilizar o respecto nas vías públicas de todos os usuarios a través deste día», explicou o presidente da Fundación «Ado Moure».
Mario Guede salientou a importante labor que realiza a Fundación «Ado Moure», con esta tradicional celebración «que fará do vindeiro domingo, un día familiar en Ourense».
A saída deste evento deportivo terá lugar ás 12.00 horas na Alameda do Concello. En canto ao número de inscritos, Carlos Moure dixo que se esperaba «unha participación similar a de anos anteriores, chegando ás 3.000 persoas», e lembrou que non é necesario inscribirse para participar.